O persoal do SAF de Ponteareas convoca protestas para reclamar melloras laborais

Chama a veciñanza a participar nas concentracións todos os mércores de xuño no consistorio ás 14:00

Ponteareas -

As traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio (SAF) do Concello de Ponteareas veñen de anunciar a convocatoria dun calendario de mobilizacións para reclamar melloras laborais que permitan unha atención de calidade ás persoas usuarias. Dende a representación sindical chaman a veciñanza a participar nas concentracións que terán lugar todos os mércores do mes de xuño diante do consistorio ás 14:00 horas.

Segundo explican dende a CIG, a privatización do servizo, de cuxa xestión se encarga a empresa Samaín Servizos á Comunidade, do grupo Clece, traduciuse nunha precarización das condicións de traballo, de xeito que “nin se cumpren os dereitos laborais básicos”. Neste senso, denuncian o abuso que a compañía fai das xornadas parciais. 

A empresa Samaín Servizos á Comunidade, do grupo Clece, encárgase da xestión do servizo

“A empresa modifica constantemente a xornada das traballadoras, até tres veces no mesmo mes, polo que as empregadas non saben o que van gañar ao mes seguinte nin se vai ser suficiente para o sustento das súas familias”. Ademais, moitas xornadas están mal calculadas, xerándose horas traballadas e non cobradas. E a pesar de que a representación sindical leva case un ano solicitando os rexistros de xornada, até o día de hoxe aínda non foron entregados.

De igual xeito, prodúcense constantes incumprimentos en materia salarial. Así, indican que o convenio galego de sector leva 11 anos sen negociarse por decisión da patronal, que buscou a súa caducidade. Existe unha sentenza de 2013 obriga as empresas a actualizar as percepcións económicas segundo o IPC anual, “pero neste servizo nunca se aplicou, de forma que as traballadoras levan 11 anos percibindo o importe do seus pluses ao mesmo prezo”.

Ao mesmo tempo, este ano a empresa decidiu non aplicar a revisión do IPC do ano 2021, fixada nun 6,5%. “No contexto actual, e cunha xornada parcial, é insostíbel levar teu coche polas parroquias ingresando só 0,18 euros por quilómetro e cobrando unicamente os servizos consecutivos”. En consecuencia, atopámonos con “traballadoras que perciben salarios de miseria e que co seu vehículo particular están a financiar un servizo público do que se beneficia unha empresa privada”.

Sen o descanso mínimo

No servizo tampouco se cumpren os descansos mínimos establecidos pola lei, xa que as compañeiras que traballan en fin de semana só descansan dous días de cada 15. E as xornadas continuadas superiores a seis horas non contan co seu tempo de descanso para o bocadillo, “por non falar de que hai servizos que rematan ás 21:00 horas e ao día seguinte comezan outros ás 8:00 horas, polo que non se respectan as 12 horas de descanso”.

Outra problemática ten que ver coa saúde laboral: non existe un sistema efectivo de vixilancia da saúde das traballadoras, obrigando a realizar o seu labor en domicilios insalubres e tendo que mover doentes encamados en solitario, o que provoca accidentes e enfermidades que nin sequera son recoñecidas como laborais, cunha total desatención ao risco psicosocial.

“Este é o trato que reciben as traballadoras que atenden os coidados básicos para a vida diaria das persoas dependentes de Ponteareas. Compañeiras que son a primeira liña de atención nos servizos sociais, que en solitario, casa por casa, afrontan e resolven situacións de enfermidade, necesidade e abandono. Traballadoras esenciais que coidan da vida das persoas e son tratadas como lixo, sen o máis mínimo recoñecemento dos seus dereitos laborais, incumprimentos que son fonte inesgotábel de beneficios a conta dos cartos públicos e da miseria de persoas traballadoras e usuarias”.

De todo isto responsabilizan a Xunta de Galiza e o Concello de Ponteareas, “que levan anos limitándose a licitar un concurso a baixo prezo, un proceso que non supón máis que unha poxa que precariza as condicións laborais das súas veciñas”.

Volver