O persoal do SAF do Concello de Covelo logra un acordo que avanza na dignificación das condicións laborais

A nova adxudicataria subrogará as nove traballadoras do servizo cos mesmos dereitos e actualizará salarios en base ao IPC

Covelo -

O cadro de persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Covelo logrou hoxe un acordo que supón un claro avance na dignificación das súas condicións laborais. Ademais, a nova empresa adxudicataria, Idades, comprometeuse a subrogar as nove traballadoras cos mesmos dereitos e a aplicar unha suba de soldos en base ao IPC real.

O acordo produciuse durante a xuntanza celebrada esta mañá entre o alcalde, a responsábel de Servizos Sociais, empresa, e a representación da CIG. Dende a central salientan que o acordo garante para o ano 2023 as condicións de traballo das nove traballadoras adscritas ao servizo. 

O Concello manterá o número de horas para respectar a xornada actual das auxiliares

Neste senso, sinalan que o Concello comprometeuse a manter o número de horas de contrato necesario para respectar as xornadas que as auxiliares teñen neste intre. “É de salientar que a porcentaxe de traballadoras a xornada completa neste servizo é superior á media do sector, situándose nun 44%”.

Dende a CIG consideran que esta aposta do Goberno local “ademais de beneficiar as propias traballadoras supón a garantía dun servizo para a veciñanza dependente que se atopa á espera de ser atendida, nun momento no que outros Concellos non están sequera a cubrir as horas que teñen contratadas”.

Subrogación nas mesmas condicións

Na mesma reunión a nova empresa adxudicataria, Idades, confirmou a súa intención de manter as condicións de subrogación das traballadoras, incluída a paga '8 de Marzo', “que foi no seu momento unha mellora acadada pola CIG para as traballadoras deste Concello e que supuxo un recoñecemento ao seu esforzo de anos de dedicación”.

A empresa asegurou ademais que vai proceder á actualización salarial no mes de febreiro, con efecto retroactivo a primeiros de xaneiro de 2023, segundo o incremento do IPC do 2022, polo que os soldos subirán un 5,7%

Para a CIG, e para o conxunto de traballadoras do servizo, este recoñecemento supón “un gran avance na dignificación da súa profesión despois de que no ano 2022 a totalidade do sector tivese que manter unha folga durante un mes contra a precariedade e na defensa do mantemento do seu poder adquisitivo”.

Volver