O persoal do comercio de alimentación da Coruña irá á folga o venres 29 por un convenio digno
Os sindicatos CIG, CCOO, UGT e USO reclaman melloras nas condicións laborais e salariais do persoal do sector
A Coruña/Ferrol/Compostela -
As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e USO teñen convocada unha xornada de folga para o vindeiro venres, 29 de maio, no comercio de alimentación da provincia da Coruña en demanda dun convenio colectivo que recolla melloras salariais e avances reais nas condicións de traballo do persoal do sector. Con motivo desta primeira xornada de folga tamén haberá mobilizacións na Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela.
Horas e lugares das mobilizacións:
- A Coruña, ás 12:00 horas, manifestación dende a Praza do Mercado de San Agustín
- Compostela, ás 12:00 horas, dende a Praza Roxa.
- Ferrol, ás 11:45 horas, manifestación dende a Praza de Ultramar.
Despois de varias reunións sen avances reais, a patronal mantén unha postura de “absoluto inmobilismo”, negándose a asumir propostas que permitan recuperar poder adquisitivo, avanzar na conciliación ou mellorar unhas condicións laborais cada vez máis deterioradas nun sector esencial.
Entre as principais reivindicacións para acadar neste salientan unha suba salarial digna con cláusula de revisión salarial atendendo ao IPC real. As centrais sindicais denuncian que este sector arrastra unha perda continuada de poder adquisitivo, que os salarios apenas superan o SMI, que as traballadoras e traballadores padecen unha sobrecarga laboral insostíbel e moitas dificultades para conciliar. Unha precariedade que contrasta cos enormes beneficios que o comercio alimentación obtivo nestes últimos anos.
Xunto a isto reclaman melloras nas condicións laborais con redución de xornada, melloras no cobro das baixas por IT, que neste sector son moi numerosas por mor da elevadísima carga de traballo, plus de antigüidade ou de domingos, para o persoal que se ve obrigado a traballar nos centros que abren ese día todo o ano, entre outras.
A CIG fai un especial chamamento á negociación ás empresas con maior peso na mesa do convenio, nomeadamente a GADIS e Froiz, para que o conflito se resolva canto antes e coa menor repercusión posíbel para a clientela.

