O persoal do Almirante levará as súas protestas contra o ERTE ao hotel que a cadea Carrís ten na Coruña

Ferrol -

O persoal do Hotel Almirante de Ferrol vai levar o vindeiro xoves, 1 de decembro, ás súas mobilizacións en rexeitamento ao ERTE até as portas do estabelecemento que a cadea "Carrís Hoteles" ten na Coruña. A protesta desenvolverase ás 08:30 horas na porta do Hotel Carrís Marineda en protesta pola decisión da empresa de aplicarlle a todo o persoal unha suspensión temporal dos seus contratos até abril de 2023.

A CIG-Servizos explica que día de hoxe "xa non hai ningunha escusa que poida xustificar que o Hotel Almirante permaneza pechado: as avarías están reparadas e o inmóbel atópase á espera de que a empresa decida retomar a actividade". Por iso, a central nacionalista continúa coa axenda de mobilizacións para instar a empresa a recuperar a actividade e para denunciar publicamente a situación desesperada na que se atopa o persoal afectado "que leva media vida traballando neste hotel".

"Parece que Carrís Hoteles non ten intención ningunha de reabrir o hotel de maneira inminente, estando máis preocupada a empresa pola sentenza que acaba de publicarse a respecto do litixio mercantil que mantén co propietario do inmóbel". Sobre o contido da sentenza, Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, indica que a central se reserva a opinión na espera de coñecer as consecuencias que a decisión xudicial pode ter sobre o persoal e agardando que contribúa a unha pronta resolución do conflito.

Sen prestacións por desemprego

A este respecto, subliña a enorme afectación anímica que padecen as traballadoras e os traballadores do Hotel Almirante, que levan dende o inicio da pandemia neste situación de incerteza e logo de encadear dous ERTE, "sen prestacións por desemprego e buscando a vida como boamente poden noutros empregos". Critica Rodríguez que o persoal está "abandonado polas administracións e pola empresa", polo que continuarán na acción sindical e mobilizándose nas defensa dos seus empregos.

Volver