O persoal do almacén de Lidl en Narón irá á folga tres días para reivindicar melloras nas súas condicións laborais

En resposta ao "convenio ponte" asinado en Madrid por UGT e CCOO que consolida a perda de dereitos

Narón -

A CIG-Servizos ten convocada folga para os días 9, 10 e 11 de febreiro no almacén de distribución que Lidl Supermercados SAU ten no Polígono de Río do Pozo (Narón) para reivindicar melloras laborais para todo o persoal deste centro (arredor de 150 empregados e empregadas). A folga, que afecta a todo o persoal e que se desenvolverá das 00h do día 9 até ás 24h do xoves 11, convócase logo de que CCOO e UGT asinaran en Madrid un novo convenio colectivo "que non atende para nada as demandas sociais".

A secretaria da CIG-Servizos de Ferrol, Cristina Martínez Padín, lembra que no ano 2016 Lidl promoveu a negociación dun convenio colectivo estatal de empresa para saírse dos convenios sectoriais e impor condicións peores para os seus cadros de persoal. A CIG opúxose no seu momento a ese proceso "por consideralo prexudicial e ser o paradigma da centralización da negociación colectiva realizada por cúpulas e afastada dos intereses reais do persoal".

Martínez Padín explica que no mes de xaneiro a empresa asinou novamente con CCOO e UGT un "convenio ponte" para os anos 2021 e 2022 que "consolida a perda de dereitos do conxunto dos traballadores e traballadoras". Diante disto, a representación sindical da CIG na empresa chama a mobilizarse para conseguir negociar un acordo coa empresa que dignifique as condicións laborais no almacén de Narón.

Volver