O persoal de Seaga iniciará unha folga indefinida o 16 de setembro ante a falta de respostas da Xunta

A restruturación do Servizo contra Incendios Forestais non garante a continuidade dos actuais traballadores/as

Nacional -

O plan da Xunta para reordenar o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) acendeu meses atrás as alarmas entre o persoal de Seaga, dado que excluirá da puntuación para as futuras listas de contratación a experiencia acumulada por este colectivo moi golpeado pola precariedade. Os comités de empresa nas catro provincias, que xa advertiran en agosto desta posibilidade, convocan finalmente folga indefinida a partir do 16 de setembro co obxectivo de que o executivo autonómico rectifique.

Segundo denuncian, o goberno galego fai perigar a continuidade dos 500 efectivos que traballan a día de hoxe en Seaga, pois nin aclara o papel que a empresa pública desenvolverá co reordenamento do servizo nin garante a súa incorporación “en igualdade de oportunidades” ao SPDCIF.

O goberno galego fai perigar a continuidade dos 500 efectivos que traballan a día de hoxe en Seaga

 Se non se produce unha rectificación, “só puntúaría o persoal da Xunta e dos Concellos, polo que os traballadores/as de Seaga, con máis de 10 anos de experiencia nestas labores, quedarían fóra”, sinalan.

A Xunta, pola súa parte, mantén un total silencio, xerando unha gran incertidume entre o colectivo de traballadores/as, que indican que despois dunha xuntanza inicial en maio, e a pesar de solicitalo reiteradas veces, continúan sen interlocución por parte da Dirección Xeral de Función Pública.

Malestar polo convenio coa FEGAMP

Aos motivos da folga súmase o malestar xerado tras o convenio de colaboración subscrito entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provinciais (FEGAMP) para a limpeza de franxas de protección arredor de casas e núcleos de poboación, traballos que asumirá o persoal de Seaga.

Isto suporá “un aumento considerábel de carga de traballo”, para o cal reclaman o aumento de tempo de traballo anual para o persoal que actualmente presta servizos só determinados meses ao ano.

Primeira mobilización antes da folga

O vindeiro martes 11 de setembro o persoal de Seaga quentará motores de cara á folga cunha concentración ás 11 horas ante a Consellaría de Medio Ambiente, no acceso sur das instalacións da Xunta en San Caetano (Compostela).

Volver