O persoal de Albada volve mobilizarse para esixir a publicación dos pregos da nova concesión

Denuncian o estado "deplorábel" das instalacións e a perda de dereitos

A Coruña -

Coincidindo coa celebración do pleno municipal, os traballadores e as traballadoras da planta de tratamento de residuos de Nostián continuaron este xoves coas mobilizacións para esixirlle ao goberno local da Coruña avances na elaboración dos pregos da nova concesión e que poña datas e prazos concretos para a súa publicación. Aproveitando a celebración do pleno municipal e que se ía votar unha moción ao respecto, os/as representantes de todos os grupos políticos achegáronse a falar co comité, incluída a concelleira de Medio Ambiente, "que seguiu sen concretar en que fase están os pregos nin que data manexa o Concello para a súa publicación".

Na concentración, a segunda que realizan os/as traballadores/as nunha semana, lembrouse que, despois de transcorridos dous anos, descoñecese aínda cando sairá a nova licitación, se os pregos incluirán as garantías laborais, sociais e de emprego comprometidas tanto polo anterior goberno da Marea como polo actual do PSOE, ou cal é o modelo de planta de tratamento de residuos que quere o executivo local.

Garantías para dar estabilidade

"A concelleira Esther Fontán díxonos que o prego de condicións estaría rematado antes de que finalizara a concesión, pero está claro que nos mentiu. Queremos que o prego saía de forma inminente porque canto máis se atrasa máis se deterioran as nosas condicións de traballo e o estado das instalacións", aseverou Hadrián Canosa, delegado da CIG.

Canosa salientou que o compromiso de garantías adquirido polo Concello "que nos dá estabilidade ao longo da seguinte concesión". Neste senso, lembrou que "vimos dunha concesión na que empresa, Albada, utilizou os traballadores e traballadoras como reféns", recorrendo a despedimentos e recortes de dereitos, até o punto de deixar o persoal sen convenio colectivo dende decembro de 2019. De aí a importancia de que esas garantías estean contemplados nos pregos de condicións.

As instalacións continúan deteriorándose

Pero o delegado da CIG  advertiu tamén das consecuencias que ten sobre a planta este atraso na licitación posto que Albada non se está a realizar o mantemento adecuado das instalacións, nin cumpre cos obxectivos en canto aos niveis de tratamento e reciclaxe de residuos. De feito, explicou que, debido á falta de persoal, "toda a materia orgánica, que constitúe arredor do 40% dos residuos sólidos urbanos que entran na planta, vai para o vertedoiro".

Ademais, malia existir sentenza condenatoria, a empresa aínda non procedeu ao selado do vertedoiro que, polo tanto, "xera gratuitamente lixiviados que se verten no mar". Xunto a isto, denunciou que a primeiros deste ano se produciu unha fenda nun biodixestor que o mantén paralizado e, segundo o trasladado a través dos medios, a empresa non ten intención de arranxalo.

Tamén advertiu que chove dentro das naves, sobre cadros eléctricos, sobre puntos de luz, e sobre as zonas de paso; e que a limpeza das instalacións é moi deficiente debido ao estado das cintas transportadoras. Xunto a isto, Canosa sinala os continuados incumprimentos da concesionaria en canto os niveis de recuperación e reciclaxe, que o persoal calcula que se reduciu nun 7% dende o remate da intervención municipal en agosto do pasado ano.

"A maior parte do tempo hai unha única persoa por cinta recuperando materiais, o que supón que o cartón e o plástico acaben no vertedoiro, por que non hai persoal para recollelo", explicou. Canosa indicou tamén que a nave de compostaxe "está toda remendada", e que incluso unha parte das súas instalacións "se inutilizaron e xa nin se arrancan". 

"Que o Concello volva coller as rendas da planta"

Precisamente, o vindeiro luns, o comité terá unha reunión coa concelleira de Medio Ambiente, para tratar a cuestión dos pregos. Por iso, diante da situación deplorábel das instalacións e ante a lentitude do proceso de licitación, o representante do persoal pediulle ao Concello da Coruña "que tome boa nota das actuacións da empresa e que asuma de forma directa o control da planta de Nostián mentres non haxa nova concesión".

Volver