O persoal de Linorsa Lugo suspende a folga nos centros de Política Social pero continúa co paro no resto dos servizos

As traballadoras/es, que hoxe realizaron unha caravana de vehículos, tomaron a decisión logo da Consellaría comunicar o inicio do expediente de rescisión

A Coruña -

As traballadoras e traballadores de Linorsa na provincia de Lugo –en folga indefinida dende o pasado 22 de abril para esixir o cobro dos seus salarios- realizaron na mañá deste venres unha caravana de vehículos dende a Residencia das Gándaras até os edificios administrativos da Xunta. A protesta convocárase antes da comunicación por parte da Consellaría de Política Social do inicio do expediente de resolución dos contratos que ten coa empresa. Por mor da decisión, o paro quedou suspendido nos centros dependentes deste departamento, mais continúa no resto dos servizos.

“A rescisión dos contratos era unha das reivindicacións fundamentais da folga”, subliñaba Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo, tras finalizar a caravana de vehículos mediante a que as traballadoras de Linorsa volveron visibilizar nas rúas o conflito laboral que se vive na empresa.

Logo de dúas semanas en folga, na tarde de onte, a representación do persoal recibía por escrito comunicado da Consellaría de Política Social, no que informaba do inicio, con data 28 de abril, do expediente para a rescisión do contrato dos servizos de limpeza que Linorsa ten nos centros da súa titularidade. “Traballo lles custou tomar esta decisión”, censuraba a sindicalista.

Deste xeito, a folga déixase sen efecto nestes centros, pero mantense tanto nos contratos privados como nas dependencias do Sergas e de Medio Rural nas que Linorsa aínda ten adxudicado o servizo. Carme Antas criticou a inacción destas Consellarías, nas que a situación se mantén igual que ao inicio da folga.

Neste senso, engadiu que esta mesma mañá se celebrou unha reunión entre o Comité de folga e o director provincial do Sergas, a quen esixiron que iniciara o procedemento de resolución do contrato, seguindo os pasos da Consellaría de Política Social. Actuación á que o responsábel político se amosou receptivo.

A suspensión parcial da folga comunicouse unha vez rematada a caravana de vehículos prevista para hoxe, xa que esta fora acordada con anterioridade á comunicación de Política Social. Porén, as tres centrais sindicais advertiron que haberá presenza continua de piquetes na dirección provincial do Sergas, xa que se ten detectado a presenza de persoas alleas ao persoal de limpeza realizando tarefas de limpeza. Isto supón unha clara vulneración do dereito á folga, motivo polo que as centrais sindicais con presenza no Comité de Folga estudan emprender as accións legais pertinentes.

Desbloqueo das contas

En canto á situación de Linorsa –en concurso de acredores- segundo as informacións facilitadas pola empresa, o xulgado do mercantil vén de desbloquearlle as contas e parece que existe un compromiso por parte do administrador de facer efectivos os pagos dos salarios a partir da próxima semana.

Diante destas afirmacións, a CIG-Servizos amosa cautela até que non se fagan efectivos os compromisos, dado o longo historial de incumprimentos que acumula a empresa.

Volver