O persoal de Albada volverá á folga en Semana Santa ante a falta de avances na negociación do convenio

A Coruña -

Os traballadores e as traballadoras da planta de tratamento de residuos de Nostián acordaron en asemblea ir á folga os días 3, 4 e 5 de abril ante a falta de avances nas negociacións coa empresa que permitan pechar un acordo para o novo convenio colectivo. Así o anunciou o comité de Albada nunha comparecencia para os medios na que tamén criticaron o incumprimento por parte do Goberno municipal do seu compromiso de ter publicados os pregos ante de rematar o inverno.

A folga, que a afectará a todo o persoal de todas as quendas da Planta de Nostián e dos puntos limpos, dará comezo ás 22 horas do domingo 2 de abril e rematará ás 22 horas do mércores 5 de abril, coincidindo co inicio da Semana Santa. Ademais do paro laboral, a representación social solicitará tamén reunións ao Concello da Coruña e ao Consorcio das Mariñas  para abordar a situación da negociación colectiva, o estado dos pregos da nova concesión e o futuro das instalacións.

A este respecto, o presidente do comité, Hadrián Canosa, destacou a disposición da parte social a seguir negociando e buscar solucións que eviten a folga. "Sabemos que hai marxe para chegar a acordos, por nós non vai quedar. Por iso solicitámoslle ás demais partes que traballen arreo: a empresa que faga unha proposta serie que permita asinar o convenio e ao Concello que saque dunha vez por todas o prego de condicións para licitar o antes posíbel un novo contrato".

Urbaser insiste na conxelación salarial

Canosa lembrou que o persoal está sen convenio dende o 31-12-2017 e despois de cinco anos e máis de 23 reunións coa empresa "seguimos sen poder alcanzar un acordo". Neste momento, explica, no relativo á materia económica, Albada (Grupo Urbaser) non contempla a revisión dos salarios dos anos anteriores, limitándose a ofrecer para 2023 un incremento de 100 euros/ano que se cobraría nunha paga única en 2024.

Pero a empresa liga o abono deste contía a alcanzar unha produtividade mínima en toneladas de material recuperado que nunca antes se conseguiu: 1100 toneladas. "Tendo en conta o deterioro continuo das instalacións, as avarías constantes e o tope tan alto que se exixe, na práctica vai ser moi difícil conseguir este obxectivo e polo tanto seguiremos co salario conxelado outro ano máis", criticou Canosa.

O presidente do comité apuntou que o persoal de Albada leva sen ningunha suba salarial dende o ano 2012 e incluso neste tempo sufriu recortes económicos en varios conceptos. "É dicir, a proposta de Urbaser é a da conxelación salarial mentres sigan coa concesión".

A lexislatura remata pero non hai pregos

A este respecto, foi moi crítico co Goberno municipal da Coruña "incapaz de cumprir co seu compromiso de sacar os pregos nesta lexislatura". Unha demora que considera inxustificábel tendo en conta que o anterior Goberno xa os deixara case rematados. Ademais, existía un compromiso de respectar o acordo de garantías laborais acadado entre o comité e o anterior Executivo local e incluílo nos pregos, do que nada se sabe.

"Dixeron que ían sacar os pregos antes do remate do contrato da concesión, que sería o 31 de decembro de 2019. Pero está rematando a lexislatura e seguimos sen velos e durante todo este tempo tivemos que escoitar toda clase de escusas", lamentou. Canosa advertiu que ao deterioro das condicións de traballo sufrido nestes anos, súmase tamén o deterioro das instalacións "que se atopan nun estado deplorábel, xa que mentres non haxa concesión, Albada négase a facer investimentos".

Neste punto, a representación do persoal manifestou a súa preocupación polo que vai pasar co Consorcio das Mariñas e se o Concello da Coruña está a traballar cos Concellos que o integran de cara a garantir o futuro da planta de Nostián.

Vontade negociadora

Canosa recordou que no mes de decembro o persoal foi á folga durante tres días, nos que a planta estivo paralizada e ao borde do colapso, con lixo amoreado á intemperie e coas naves desbordadas. "A día de hoxe aínda se acumula a parte do lixo que non se puido procesar naqueles días".

A falta de avances na negociación colectiva e na publicación dos pregos "estannos empuxando agora a unha nova etapa de conflitividade". Diante disto, o comité insistiu na súa vontade negociadora e volveulle reclamar á empresa unha proposta de convenio digna e concreción ao Concello nas datas de publicación dos pregos.

Volver