O persoal das residencias de maiores continúa coas mobilizacións a prol dun convenio galego digno

Un cento de traballadoras/es desenvolveu unha concentración diante de Geriatros en Outeiro de Rei

Lugo -

O persoal das residencias privadas da terceira idade segue adiante coa súa loita para rexeitar o inmobilismo da patronal e reclamar un convenio colectivo galego digno que recolla melloras salariais e sociais. Nesta ocasión, a mobilización desenvolveuse diante da residencia da empresa Geriatros no concello lugués de Outeiro de Rei.

Dende a CIG explican que o empresariado pretende impor un convenio a tres anos “totalmente inadmisíbel, con conxelación salarial para 2016, un miserento incremento do 0,5% para 2017 e do 1% para 2018”.

Neste senso, lembran que o IPC do pasado ano foi do 1,6%, “porcentaxe que tiveron que asumir porque no convenio en vigor regúlase aplicar a porcentaxe do IPC cando non hai acordos”. O secretario comarcal da federación de Servizos de Compostela, Roberto Alonso, sinala que a proposta da patronal tampouco inclúe ningunha hora de redución de xornada e tan só estabelece un día de libre disposición.

Ademais, as empresas seguen sen recoñecer o plus de asistencia nas vacacións do ano pasado, tal e como ditan as sentenzas dos tribunais europeos, e apuntou que este recoñecemento está xudicializado polas centrais sindicais, que presentaron conflito colectivo. “Os empresarios/as manteñen a súa postura inmobilista coa intención de aplicar recortes”, denuncia o representante sindical, ao tempo que lembra que aínda que o sector é rendíbel, as traballadoras/as teñen que realizar “longas e esgotadoras” xornadas laborais e perciben uns “salarios cativos”.

Fonte a isto, reclámalle á patronal que recapacite e sente a negociar un convenio que realmente recolla melloras para o persoal. “Do contrario, o sector seguirá a pelexar e a mobilizarse por unhas condicións laborais e salariais dignas”, remata.

Volver