O novo convenio da recollida do lixo de Ponteareas contempla unha suba salarial do 19,06% en catro anos

O persoal ratificou en asemblea o preacordo alcanzado con FCC

Ponteareas -

O cadro de persoal de FCC, concesionaria da recollida do lixo, limpeza viaria e xestión do punto limpo do Concello de Ponteareas, ratificou onte en asemblea o preacordo ao que chegou a representación sindical e a empresa para renovar o convenio colectivo. As partes pactaron unha suba salarial do 19,06% no total dos catro anos de vixencia do convenio, ademais de distintas melloras sociais.

Segundo explica ao responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, o novo convenio acordado onte coa empresa -que foi ratificado a continuación por unanimidade dos traballadores/as- estará vixente dende o ano 2019 até 2022. Para o primeiro exercicio fixouse un incremento de soldos do 2,5%, que terá carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2019 e cuxo importe se ingresará na nómina do vindeiro mes de xaneiro. 

Cada traballador/a de FCC ingresará 3200 euros máis ao ano ao remate do convenio

Para 2020 estableceuse unha suba salarial do 5,52%, cantidade que se repite nos dous restantes anos de vixencia. Polo tanto, os soldos veranse incrementados un 19,06% neste período, pasando dos 15.370 euros anuais actuais a 18.500 no último ano. Ou o que é o mesmo, as nóminas medrarán 3200 euros anuais ao remate da vixencia do convenio.

Ao mesmo tempo, acordouse que cada traballador/a poderá gozar de 15 días de vacacións entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, mentres que os 15 días restantes poderán collerse no resto do ano. Tamén se incluíu un crédito de 10 horas ao ano para acompañamento médico das persoas que convivan na unidade familiar de cada empregado/a, así como de familiares de até segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

Outra mellora que se logrou introducir foi a eliminación da limitación do complemento por incapacidade temporal que figuraba no artigo 24, en base á que o traballador/a perdía este ingreso no caso de que se vise afectado/a por tres ou máis incapacidades temporais en dous anos. A partir de agora cobrarase o 75% do salario nos primeiros 20 días de baixa, e o 100% a partir do día 21.

Cuestións pendentes

A pesar de tratarse dun moi bo acordo, Pérez explicou que aínda quedan cuestións pendentes para o seguinte convenio. “Agardamos que se solucione o conflito aberto entre a empresa e o Concello, que está á espera de resolución xudicial, sobre a forma de aplicación do canon do servizo”. O responsábel sindical considera que unha vez superado este problema poderase relanzar a negociación do seguinte convenio, “porque se terá en conta o custe da man de obra por incremento de convenio”.

Ademais, quedarían tamén á espera temas como a redución de xornada, o plus de vehículos lixeiros, a mellora dos permisos retribuídos, o incremento plus de nocturnidade e toxicidade e o aumento de dous días libres de descanso ao mes, xa que na actualidade o persoal goza unicamente de dous.

Volver