O convenio do comercio de alimentación de Ourense condena o persoal a seguir co soldo máis baixo do país

A CIG non subscribiu o acordo pactado entre a patronal e os sindicatos USO, CCOO e UGT

Ourense -

A CIG denuncia que o convenio provincial do comercio de alimentación de Ourense que vén de ser asinado pola patronal e os sindicatos USO, CCOO e UGT condena o persoal a seguir cos salarios máis baixos do sector no conxunto do país. En consecuencia, a central sindical non subscribiu un acordo que podería provocar que en pouco tempo o soldo base do convenio quede incluso por debaixo do SMI.

O convenio, que terá unha vixencia de catro anos (2021/2024), foi pactado tras sete reunións polas empresas e tres dos sindicatos presentes nas negociacións (USO, CCOO e UGT). A CIG, pola súa banda, decidiu non asinalo, entre outras cousas, porque manterá os soldos máis baixos do país neste sector. 

O soldo base do convenio podería quedar incluso por debaixo do SMI

Dende a central sinalan que coa suba salarial acordada os soldos da provincia de Ourense, xa neste ano 2021, seguen a quedar moito máis baixos ca no resto de Galiza. Por exemplo, na categoría de “dependente” o salario mensual e anual quedaría do seguinte xeito:

-Ourense: 992,20 euros mensuais e 14.893,50 anuais

-Pontevedra: 1040,95 e 15.614,21.

-Lugo: 1051,63 e 15.774,45.

-A Coruña: 1077,91 e 16.168,65.

En consecuencia, o persoal ourensán cobrará este ano 720,71 euros menos que en Pontevedra, 880,95 menos que en Lugo e 1275,15 menos que na Coruña a pesar de que s empresas que negocian o convenio son as mesmas. Ademais, segundo denuncian, todo indica que o salario base do convenio ourensán vai quedar, en pouco tempo, por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Por iso lamentan que o persoal do sector pase “de heroes da pandemia a traballadores/as pobres”.

Lembran que cando a pandemia e o confinamento golpeaban máis duro recibiron aplausos, agradecementos e recoñecementos. “E mentres nós traballabamos, maiormente nos primeiros meses, sen protección, sen máscaras nin pantallas, e con absoluta exposición, as empresas facturaban o que non está escrito. E así nolo recoñecen agora, cun incremento salarial de 25 euros para este ano”.

Beneficios millonarios

Neste senso, censuran que as tres empresas que negocian o convenio de Ourense (Gadis, Froiz e Cuevas) teñen beneficios, “limpiños de po e palla”, de millóns de euros anuais, “e así llo recordamos, con datos na man, durante a negociación”.

Por iso din non entender que non se dignifiquen os salarios, cando son empresas que non padeceron ningunha das dúas crises consecutivas que si sufriu a clase traballadora. “Unicamente a avaricia e a ansia inxusta de amasar fortuna a costa da clase traballadora explica esta posición”.

Por todo isto, a CIG optou por non subscribir o acordo, tendo en conta ademais que ningunha das propostas achegadas pola central sindical foi atendida. 

A CIG propuxo reducir a vixencia do convenio e diminuír máis a xornada laboral

-Vixencia de só 2 anos.

-Redución da xornada até as 1800 horas anuais.

-Peche ás 15:00 horas os días 24 e 31 de decembro.

-Incremento das horas extras ordinarias do 100% e do 150% se son en domingo ou festivo.

-Establecemento progresivo dunha cuarta paga extra.

-Revisión da clasificación profesional, con ascensos para postos que precisen unha formación específica e cualificada (peixaría, carnizaría, chacinaría, froitaría, etc).

Ruptura da unidade sindical

Xa no que ten que ver co proceso de negociación, dende a CIG-Ourense sinalan que as conversas iniciáronse cunha posición de forza da parte social: os catro sindicatos unidos e presentando unha plataforma unitaria, “e así fomos mantendo a mesma posición durante as negociacións”. Mais finalmente a USO, CCOO e UGT romperon esa unidade “e dobregáronse ante unha oferta empresarial que cruzou brutalmente as liñas vermellas que tiñamos marcadas”.

Por iso consideran que se perdeu unha “oportunidade histórica” de arrincar importantes conquistas, porque, ademais da unidade sindical que había, “teríamos o apoio social do conxunto da cidadanía, que si nos considera realmente importantes”.

E adiantan que seguirá a traballar para reverter a situación, “e acadar maior representación do sindicalismo comprometido como o noso, restándolle forzas a organizacións que comen da man da patronal. E xa se sabe, non trabes a man de quen che da de comer”.

Principais aspectos que recolle o convenio

Xornada:

-Redución de 1820 a 1812 horas anuais.

-O 24 e 31 de decembro o peche será ás 19:00 horas.

Vacacións: o calendario deberá estar feito antes do 31 de xaneiro.

Licenzas retribuídas:

-Por falecemento, hospitalización ou enfermidade grave de parella ou crianzas, os días de permiso serán hábiles.

-Permiso para asistir a probas para sacar o carné de conducir.

Desconexión dixital: Recoñécese o dereito a non contestar chamadas nin requirimentos desde que a xornada remata, agás causa de forza maior.

Incremento salarial: suba mensual de 25, 27, 30 e 30 euros para cada un dos anos de vixencia.

Volver