O Concello de Vigo e FCC vulneran o dereito de folga do persoal de limpeza das dependencias municipais

Traballadores/as da recollida do lixo fixeron limpeza no consistorio escoltados/as pola Policía local

Vigo -

O comité de empresa de Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza das dependencias municipais de Vigo, denuncia que o Concello está a vulnerar o dereito dereito de folga ao obrigar a FCC, compañía que se encarga da recollida do lixo, a realizar tarefas de limpeza no interior do consistorio. Por outra banda, a representación sindical, presidida pola CIG, está a estudar presentar un recurso contencioso administrativo contra os servizos mínimos impostos polo Goberno local ao entender que vulneran tamén un dereito fundamental como o de folga.

A folga indefinida iniciada onte na limpeza da dependencias municipais do Concello de Vigo para denunciar os incumprimentos laborais da empresa e reclamar un convenio colectivo digno está a ter un seguimento total por parte das empregadas/os, que aproveitan a convocatoria para desenvolver mobilizacións diarias diante do consistorio.

Diante disto, o Goberno local intentou dende o primeiro momento boicotear a convocatoria, primeiro impoñendo uns servizos mínimos que o comité considera ilegais, xa que inclúen a integrantes do propio comité de folga. O listado das persoas que integran os servizos mínimos elaborado pola empresa vai tamén no mesmo sentido ao poñer sempre as mesmas traballadoras/es, en lugar de facelos rotatorios, e ao cambiar persoal de centro de traballo. En consecuencia, os servizos mínimos foron denunciados diante da Inspección de Traballo, ao tempo que se está a barallar presentar un recurso contencioso administrativo nos xulgados.

No día de hoxe o Concello deu un paso máis na súa estratexia para deixar sen afecto as accións reivindicativas do persoal e obrigou a concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria a realizar tarefas de limpeza no interior do consistorio. Deste xeito, traballadores/as de FCC desenvolveron as funcións propias das traballadoras/es de Urbaser escoltados/as pola Policía local, tanto durante a noite como a primeira hora da mañá.

Dende o comité censuran o que consideran unha clara vulneración do dereito de folga e anuncian que presentarán a correspondente denuncia diante da Inspección de Traballo. Ao igual que aconteceu durante a mañá de hoxe, as traballadoras/es desenvolverán protestas diarias diante do Concello mentres dure o conflito laboral polos incumprimentos da empresa e en demanda dunhas condicións laborais dignas.

Volver