O comité de Vitrasa baralla convocar varias xornadas completas de folga coincidindo coa Reconquista

A empresa comunicou que non abonará a prima de absentismo e pide a devolución da de 2022 aludindo á caducidade do convenio

Vigo -

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, está a valorar a posibilidade de convocar varias xornadas de folga de 24 horas coincidindo coa festa da Reconquista para reclamar a negociación do convenio colectivo. Dende a representación do cadro de persoal denuncian que a empresa comunicou onte que non abonará a prima de absentismo, ao tempo que reclama a devolución da ingresada o ano pasado, “algo que co novo convenio non pasaría”.

Segundo explican dende a representación da CIG no comité de Vitrasa, a intención dos traballadores/as é intensificar as mobilizacións que veñen desenvolvendo para forzar a dirección a sentarse, convertendo os paros parciais vixentes na actualidade en días completos de folga a finais de marzo e comezos de abril. Ademais, o comité acordou que os paros parciais actuais, que teñen lugar de 14:00 a 16:00 horas, pasen a ser de 13:30 a 15:30 a partir do luns. 

Os paros parciais actuais serán de 13:30 a 15:30 a partir deste luns

Con estas medidas de presión o persoal de Vitrasa pretende forzar a empresa a negociar un novo convenio, coa intención de mellorar unhas condicións laborais e salariais que non deixaron de precarizarse dende 2020.

Ao mesmo tempo, estase a producir tamén unha perda progresiva de calidade no servizo, xa que a compañía aproveita o decreto de servizos mínimos do Concello para deixar descobertas as liñas que menos rendabilidade económica lle reportan.

De feito, no día de onte a empresa incidiu nesta precarización ao anunciar que non vai pagar a prima de absentismo, ademais de reclamar a devolución da abonada o ano pasado. Na súa notificación Vitrasa alude precisamente a que o convenio xa non está vixente. “A pesar de que o convenio ten unha cláusula de ultraactividade que debera impedir cousas como esta, a dirección busca constantemente a maneira de recortar dereitos, como tamén fixo cando intentou rebaixar os salarios”.

Polo que entenden que a sinatura dun novo anexaría cuestións como esta e faría posíbel a desconvocatoria das mobilizacións que iniciadas o pasado mes de novembro. Mais a empresa continúa negándose a negociar até que non consiga o reequilibrio económico que lle reclama ao Concello de Vigo pola perda de viaxeiros/as derivada da pandemia.

“Mentres tanto o Concello de Vigo, a pesar de ser coñecedor de todos os incumprimentos que está a realizar a concesionaria e que están reflectidos no propio prego de condicións como obrigacións a controlar polo adxudicador da concesión, mantén unha actitude pasiva en todo este conflito”, rematan.

Volver