O comité de Vitrasa baralla convocar folga indefinida en marzo ante a falta de resposta ás súas demandas

Traballadores/as da concesionaria do transporte urbano vigués mobilizáronse onte diante do Concello para reclamar a negociación do convenio

Vigo -

O comité de empresa de Vitrasa anunciou onte que baralla convocar folga indefinida a partir do mes de marzo ante a falta de resposta da concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo e do propio goberno local ás súas demandas. Un grupo de traballadores/as mobilizouse onte diante do consistorio para reclamar a apertura das negociacións do convenio colectivo, caducado dende decembro de 2020.

Dende entón a representación sindical e a dirección de Vitrasa mantiveron algúns contactos, pero a empresa sempre supeditou o acordo a que o persoal aceptase unha unha inaplicación de convenio que suporía unha rebaixa do 30% en salarios e pluses e o aumento das horas de traballo. 

A empresa supeditou sempre o acordo sobre o convenio a que o persoal accedese a rebaixar un 30% salarios e pluses e a aumentar as horas de traballo

De feito, o Xulgado do Social número 1 de Vigo desestimou recentemente o recurso presentado pola empresa contra o laudo arbitral que rexeitara a inaplicación de convenio. A compañía presentara unha demanda contra o comité de empresa, as seccións sindicais que o integran e a Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade co obxectivo de deixar sen efecto o laudo arbitral emitido o pasado 5 de xullo que lle impediu inaplicar o convenio e recortar dereitos laborais e salarios.

O bloqueo das negociacións levou ao comité a iniciar un calendario de mobilizacións que se sostén no tempo dende hai máis de dous anos, con protestas diante da empresa e do Concello e con convocatorias de paros parciais, como os que continúan vixentes na actualidade. De feito, a representación sindical decidiu ampliar os horarios dos paros para forzar a Vitrasa a retomar as negociacións.

Así o explicaron onte os propios/as afectados/as durante a concentración que tivo lugar ás portas do consistorio, onde denunciaron que en todo este tempo o alcalde non accedeu a manter unha xuntanza coa representación do cadro de persoal para abordar un conflito laboral no que os traballadores/as pretenden dar un paso máis coa convocatoria de folga indefinida.

Volver