O 100% do persoal da planta de Lousame secunda a folga por un plan que garanta a actividade e os empregos

O tratamento e recollida están paralizadas e o comité impugnou os servizos mínimos por abusivos

Lousame -

O 100% dos traballadores e das traballadoras da planta de reciclaxe de residuos sólidos urbanos de Lousame están secundando a xornada de folga convocada para este luns en demanda dun plan que garanta o futuro da actividade e a estabilidade de todos os postos empregos. O paro é total polo que a actividade da planta, tanto no relativo ao tratamento como á recollida do lixo, está paralizada.

Paulo Rubido, representante da CIG, aclara que o comité impugnou os abusivos servizos mínimos, solicitando medidas cautelarísimas, e á espera de que o xulgado resolva "non se están efectivizando os mínimos e non se fixo a recollida prevista para hoxe nos concellos de Carnota, Brión, Porto do Son, Ames, Noia, Rois, Lousame e Pontecesures". Neste senso, Rubido denuncia que fronte ao 27-30% de actividade mínima decretada en folgas anteriores, nesta ocasión impuxéronse uns mínimos que atinxen ao 90% do persoal de recollida o que, na práctica, imposibilita o exercicio do dereito á folga. Ademais, critica que o decreto de mínimos non fora publicado até o pasado venres.

Proxecto do comité

Rubido lembrou que hai ano e medio o comité de empresa presentou un proxecto do que debería ser a planta no futuro tras da finalización do contrato en 2023 e tendo en conta os requirimentos establecidos pola UE en materia de xestión de residuos sólidos urbanos. A proposta foi trasladada a todas as forzas políticas con representación no Parlamento galego e a todos os concellos da mancomunidade do Barbanza para garantir o futuro das instalacións e a estabilidade de todos os postos de traballo.

Foi precisamente o seguimento desta proposta o que permitiu ao comité comprobar que a mancomunidade carecía de proxecto algún e destapou as graves carencias que poñen en perigo o futuro da planta. Pero a maiores, confirmouse que empresa FCC realizara outra proposta á mancomunidade na que se prevía a supresión da quenda de noite en triaxe e unha importante redución do persoal en recollida.

Estas medidas terían, segundo Rubido, un importante impacto no actual modelo de reciclaxe, "que quedaría desvirtuado, ao modificar o sistema de selección manual actual que foi o que permitiu situar a esta planta á cabeza de Europa en recuperación”.

A Xunta desenténdese do futuro das instalacións

As inquedanzas dos traballadores e das traballadoras aumentaron tras da reunión mantida o pasado 5 de outubro coa directora de Calidade medioambiental da consellaría de Medio Ambiente, que mantivo a posición da Xunta de desentenderse do futuro da planta, asegurando que non é viábel porque non cumpre cos requisitos nin da consellaría, nin do ministerio de Transición Ecolóxica.

O comité xa se dirixiu a todas as administracións implicadas para que aclaren esta situación e, en todo caso esixe un proxecto realizado pola mancomunidade, co apoio de todas as administracións, que garanta a continuidade do que a día de hoxe é o centro de traballo máis grande da comarca.

Volver