Nova xornada de protestas para esixir máis contratacións no comercio de alimentación

CIG-Servizos levou este martes as protestas a varios supermercados de Compostela e Ames

Santiago -

A CIG-Servizos concluíu este martes en Compostela o calendario de mobilizacións acordado para esixir das cadeas de alimentación un reforzo dos cadros de persoal co que poder afrontar a enorme sobrecarga de traballo que rexistran os supermercados dende o inicio da pandemia. Esta sobrecarga agrava "as xa precarias condicións laborais que arrastra o sector desde sempre e que as empresas se negan a solucionar".

Ademais, o sobreesforzo ao que ten que facer fronte o persoal increméntase agora polas vendas do nadal, pero a pesar do inmenso beneficio que están obtendo este ano as empresas do sector, "nin fan novas contratacións nin compensan con tempo de descanso ou melloras económicas as súas traballadoras e traballadores"

Xornadas infinitas e horarios alterados

Por iso, con estas protestas, que xa se desenvolveron tamén na comarca da Coruña e en Ferrolterra, a CIG-Servizos quere demandar de empresas como Gadis, Froiz, Eroski-Familia, Mercadona ou Lidl que de maneira urxente procedan a facer novas contratacións, así como unha mellora das condicións laborais.

A este respecto, explican que o persoal está realizando xornadas infinitas, con horarios alterados constantemente, descansos moitas veces inexistentes, soportando o brutal incremento do volume de funcións e unha maior exposición ao contaxio, sen recibir ningunha compensación a cambio.

Pois, a pesar de que as traballadoras/es do comercio de alimentación teñen consideración de esencial, as empresas "escamotean a contratación de novo persoal só para seguir acumulando maior ganancia e aproveitarse así da emerxencia sanitaria". Neste senso, CIG-Servizos chama a atención sobre como as compañías aplican os protocolos de protección da maneira máis económica, mesmo ocultando casos "e entorpecendo todo o que poden a concesión de corentenas preventivas".

Volver