Máis do 80% do persoal secunda a folga en demanda dun convenio digno nos centros de chamadas

O 26 de maio está convocado un novo paro contra as propostas miserentas da patronal

Nacional -

Máis do 80% das traballadoras e traballadores do sector dos centros de chamadas están secundando este venres unha nova xornada de folga en demanda dun convenio colectivo digno. Con motivo do paro realizáronse concentracións diante das oficinas das empresas Bosch en Vigo e Atento na Coruña nas que se denunciou que, tras dous anos de negociación, a patronal négase a aplicar unha suba dos salarios que garanta a recuperación do poder adquisitivo e pretende perpetuar a precariedade das condicións laborais.

De igual xeito que fixera hai un mes, a central sindical decidiu promover a folga ante a falta de avances na negociación do convenio e a postura da patronal, que teima en recortarlle ao persoal dereitos que xa ten consolidados. 

As delegadas e delegados da CIG no sector denuncian que, despois de anos de perda salarial e cun medre da carestía imparábel, a oferta do empresariado limítase a un 0% para 2020, un 0’8% para 2021, un 2’5% para 2022 e IPC+0’5% (co tope do 2’5%) para 2023. Esta proposta de miseria non non garante nin sequera o mantemento do poder adquisitivo, nun sector no que "xa hai categorías que, tras da última suba, foron superadas polo SMI e polo tanto tiveron que ser actualizadas ao salario mínimo". 

Pero ademais, a patronal quere seguir mantendo a contratación a tempo parcial (con contratos de até 15 horas, pero ampliándoos cando ás empresas lles conveña); e aproveitar a  nova reforma laboral para ampliar os prazos dos contratos temporais “e seguir manténdonos na absoluta precariedade, en vez de acatar a sentenza da Audiencia Nacional e facer indefinido a todo o persoal”.

Empobrecemento e escravitude

Outra das aspiracións das compañías pasan por reducir os complementos de IT e as horas médicas, flexibilizar a xornada máxima anual “segundo lles pareza”, eliminar o máximo de 39 horas semanais ou que excedencia especial só poida collerse fóra do verán ou do período de Nadal.

Por iso na CIG consideran que “isto non é unha negociación, é un roubo a cara descuberta que nos condena ao empobrecemento e á escravitude”, polo que chaman o persoal a seguir loitando por un convenio xisto e digno para os centros de chamadas e a secundar a nova xornada de folga convocada para o vindeiro 26 de maio. “Non queremos que se volva asinar un convenio que recorte dereitos e manteña a precariedade”, sinalan.

Volver