Nadal reivindicativo das dependentas de Inditex este sábado 17 de decembro na Coruña

A Coruña -

As traballadoras das tendas de Inditex desenvolverán unha acción reivindicativa o próximo sábado, 17 de decembro, na Rúa Compostela (A Coruña) que se prolongará das 12 ás 20 horas. O tema da protesta son as festas do nadal e a utilización destas datas como reclamo para aumentar as vendas nas tendas.

Na acción participarán delegadas da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol e aquelas traballadoras que non estean de quenda laboral, xa que os sábados son días de especial actividade. Precisamente coa súa presenza nunha zona tan comercial e concorrida como o entorno da Praza de Lugo, buscan visibilizar a súa dupla realidade: ao tempo que xeran  beneficios para Inditex co seu traballo mal pagado nas tendas, teñen que estar na rúa para reclamar uns soldos que lles permitan chegar a fin de mes.

Tamén prevén colocar unha árbore decorada con carteis alusivos aos desexos para este nadal, que non son outros que ver recoñecidos os dereitos sociais e que se lle apliquen melloras salariais. E debaixo da árbore haberá bolsas baleiras de cada unha das cadeas de Inditex para evidenciar todos os dereitos que non teñen.

Para completar a acción, as traballadoras decidiron montar a súa propia exposición fotográfica, a modo das patrocinadas por Marta Ortega, nas que presentarán imaxes do seu traballo cotiá e imaxes da loita que están a desenvolver para reclamar un salario digno.

Folga o día 23 de decembro

A mobilización supón un quentamento de cara á xornada de folga convocada para o venres 23 de decembro ante a ausencia de movementos por parte da multinacional que permitan pechar un acordo. Esta rotunda negativa a aplicarlles unha suba salarial digna e recoñecerlle as melloras sociais das que xa gozan noutras empresas do grupo, contrasta coas ganancias récord que Inditex deu a coñecer hoxe, acumulando máis de 3000 millóns de euros até setembro e un incremento do 24% dos beneficios con respecto a 2021.

Ademais, segundo informou o conselleiro delegado de Inditex, as vendas nas tendas medraron neste ano de maneira destacada, mais este incremento na carga de traballo non se veu compensada de ningún xeito para as dependentas. "Somos a cara visíbel da empresa pero os beneficios repártense de maneira máis xenerosa noutras áreas. Para nós nunca hai nada, só precariedade", denuncia Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius da Coruña.

Por iso as traballadoras das tendas da provincia da Coruña non descartan, a maiores da folga do día 23, convocar un paro xeral indefinido no mes de xaneiro (coincidindo co período de rebaixas) se Inditex continúa sen presentar unha oferta que responda ás demandas do persoal.

Volver