Mobilízanse contra os recortes na limpeza da zona norte do campus de Ourense

A empresa Samyl está a eliminar horas, incumprindo o prego de condicións do servizo

Ourense -

O cadro de persoal de Samyl, concesionaria da limpeza da zona norte do campus de Ourense, iniciou hoxe mobilizacións contra os recortes no servizo que está a aplicar a empresa mediante a eliminación de horas de traballo, incumprindo o prego de condicións da adxudicación.

Dende a CIG-Servizos explican que a dirección de Samyl leva tempo aplicando unha serie de recortes no servizo aproveitando a xubilación de traballadoras/es. “No mes de marzo, por exemplo, xubilouse unha empregada e recortaron 10 horas semanais de traballo”, indican. Por iso a central reclama que, tal e como establece o convenio, as horas do persoal que se xubila sexan repartidas entre o resto de traballadoras/es.

Como consecuencia desta eliminación de horas que veñen aplicando dende hai tempo, das 624,50 horas semanais de traballo que recolle o prego de condicións na actualidade estanse a facer unicamente 473. Ademais, a empresa tampouco cubriu a praza dunha persoa que se atopa de baixa. “O que fan é aproveitar os períodos vacacionais, cando menos carga de traballo hai, para poñerlle horas ao persoal e deste xeito cumprir o mínimo que esixe o prego”, sinalan.

Diante disto, a CIG-Servizos contactou cos responsábeis da empresa e coa propia universidade, “pero pasan de nós”. Por este motivo as traballadoras/es decidiron iniciar unha campaña de protestas que, ao igual que a de hoxe, terán lugar durante toda a semana diante da Facultade de Ciencias da Educación e de Historia, coñecida como 'Edificio de Ferro', de 10:00 a 10:30 horas.

Volver