Mantense a folga en Uterqüe Santiago pola negativa de Inditex a garantir ningunha condición ás traballadoras afectadas polo peche

A CIG denuncia que a empresa pretende aproveitar os peches de tendas para recortar os dereitos

Santiago -

A folga que a CIG ten convocada para os días 21, 22 e 23 de xaneiro na tenda Uterqüe de Santiago de Compostela, mantense logo de que reunión mantida esta tarde, a empresa se negara a garantir que as traballadoras afectadas polo peche (cinco indefinidas e unha eventual) van manter os seus dereitos, nin sequera no caso daquelas compañeiras que teñen redución de xornada por coidado.

Nesa reunión, explica a secretaria de Acción Sindical da CIG-Servizos e delegada e traballadora de Zara, Carmiña Naveiro, "Inditex deixou patente que a súa preocupación non é garantir os postos de traballo, senón aproveitar os peche de tendas das distintas cadeas para recortar os dereitos das traballadoras e dos traballadores".

De feito, denuncia, a postura da empresa limítase a ameazar o persoal "dicíndolles que ou ben aceptan pasar a outra cadea perdendo condicións e dereitos -como os calendarios que tanto nos custou conseguir-, e tendo que facer quendas exclusivamente de tarde, ou ben marchan da empresa". E isto para o persoal indefinido, porque no caso do persoal eventual, Inditex non contempla medidas de recolocación, senón que vai directamente ao despedimento.

Diante desta novo ataque, a CIG-Servizos reclámalle á multinacional recolocacións do persoal afectado polos peches nas mesmas condicións que ten agora (ingresos, xornada, horarios, categoría etc.) e dentro da mesma cidade ou, en caso de non ser posíbel, na localidade máis próxima.

"Estamos fartas dos recortes dos nosos dereitos"

Naveiro critica que "estamos fartas de ser sempre as que pagamos as medidas da empresa con recortes dos nosos dereitos e mentres vemos como se fala en todos os medios das doazóns de Amancio Ortega, a situación que estamos a sufrir as traballadoras polos peches non recibe esa mesma atención mediática".

O próximo xoves, día 21, está convocada outra reunión coa empresa ás 16:00h, mais á vista da actitude mantida na xuntanza deste luns, a CIG ten convocada folga na tenda Uterqüe (rúa Doutor Teixeiro) de Santiago que, segundo comunicou Inditex, pechará definitivamente o 24 de xaneiro.

Coincidindo coas xornadas de folga dos días 21, 22 e 23, a CIG tamén vai desenvolver concentracións diante desta tenda entre ás 12:30 e ás 13:00 horas.

Volver