DomusVi Ferrol obriga o seu persoal a ter que ir aos xulgados de xeito permanente para que se lle recoñezan os seus dereitos

CIG-Servizos denuncia o incumprimento sistemático do convenio por parte da empresa

Ferrol -

Unha vez máis, DomusVi Ferrol vese na obriga de restituír os dereitos salariais dunha traballadora á que non lle estaba recoñecendo o plus de antigüidade, tendo que presentar demanda en vía xudicial. A CIG-Servizos de Ferrol vén denunciando dende hai tempo o incumprimento sistemático do convenio colectivo do sector por parte da empresa, o que obriga as traballadoras e traballadores a ter que estar permanentemente xudicializando as súas reclamacións.

Neste caso concreto, a traballadora iniciara no ano 2018 a solicitude para regularizar o complemento de antigüidade, "pero como é costume nesta empresa, fixeron oídos xordos á reclamación". Así, a traballadora tivo que presentar demanda xudicial, estando fixada a data de celebración do xuízo para este mércores día 20.

Porén, explica Beatriz Fernández, responsábel de residencias privadas da CIG de Ferrol, no acto de conciliación previo á vista, a empresa acordou a regularización e pago do plus cos conseguintes xuros de demora.

Fernández critica que DomusVi pretende ser un referente no sector das residencias de maiores, mais "a conta da explotación laboral do seu persoal. Dende esta CIG seguiremos facéndolle fronte aos abusos desta empresa, pois está a vulnerar sistematicamente os dereitos laborais das traballadoras e traballadores, aproveitándose da precariedade deste sector e sabendo que moito do persoal afectado, intimidado veladamente pola empresa, non vai reclamar os seus dereitos.

Volver