Denuncian que o 90% do persoal do Servizo de Axuda no Fogar de Vigo está aínda sen vacinar

A CIG reclámalle a Sanidade e Política Social a inmunización deste colectivo prioritario

Vigo -

A representación da CIG no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Vigo denuncia que o 90% do persoal está aínda sen vacinar, malia que o propio Sergas aseguroulle o contrario a unha traballadora que se puxo en contacto co departamento autonómico ao tratarse dunha persoa de risco. Diante disto, a presidenta do comité de empresa e delegada da central sindical remitiulle escritos ás Consellarías de Sanidade e Política Social para que aclaren a situación e procedan a vacinar a este colectivo profesional considerado prioritario na estratexia de inmunización.

Dende a representación da CIG no SAF vigués sinalan que das máis de 350 traballadoras/es do servizo, unicamente arredor dun 10% foron vacinadas/os, algunhas/os coas dúas doses pero outras/as só coa primeira. “Pero cando unha compañeira, que é persoa de risco, chamou por teléfono ao Sergas para interesarse polo proceso dixéronlles que xa estabamos vacinadas, algo que non é certo”, asegura a delegada da central no servizo. 

Das máis de 350 empregadas/os do servizo, só está vacinado un 10%

Diante disto, decididiu remitirlle cartas tanto á Consellaría de Sanidade como á de Política Social para que aclaren o que está a acontecer e procedan a vacinar o persoal que falta. “Temos constancia de que a maior parte das traballadoras/es dos SAF dos concellos grandes aínda non foron vacinadas, mentres que si o están as das localidades moi pequenas”, indica.

Cabe lembrar que este colectivo profesional está encadrado no grupo 3 da estratexia de vacinación, polo que tería que ser inmunizado inmediatamente despois do persoal das residencias de maiores e do persoal sanitario que traballa en primeira liña contra a covid.

 

Volver