Anuncian a convocatoria de asembleas ante a actitude da patronal de residencias no convenio

Advirten de que se non muda a súa posición “non queda máis remedio que iniciar mobilizacións”

Nacional -

Representantes da CIG, UGT e CCOO compareceron esta mañá en rolda de prensa para anunciar a convocatoria de asembleas para explicar a posición da patronal de residencias privadas na negociación do convenio. Ademais de denunciar a “a parálise da negociación e a negativa empresarial a abordar o realmente importante do convenio, poñendo trabas ao intranscendente”, advertiron que “ou muda radicalmente esta actitude ou non queda máis remedio que iniciar as mobilización de xeito inmediato”.

Segundo explicaron, o pasado 25 de xuño de 2020, constituíase a mesa de negociación do convenio rematado o 31 de decembro de 2019. Constitución que se viu retrasada pola parte empresarial por mor da sentenza do TSXG da compensación de festivos, e amparándose na pandemia do COVID19.

Transcorridos de dez meses desde aquela, “vemos con frustración que non existe negociación, tan só un mero cambio de opinións, onde os acordos son inexistentes, despois de ter debatido os 20 primeiros artigos, onde a patronal se nega totalmente a falar de temas económicos”. Unha actitude que cualificaron como “prepotente e impositiva por parte da patronal”.

Sen incrementos salariais

Durante os anos 2020 e 2021 de negociación do convenio, o persoal do sector non tivo ningún incremento salarial, “a pesar de que seguen a facer un traballo impecábel e un esforzo enorme, demostrando unha total implicación ante a situación de pandemia que estamos a vivir”, lembraron. E denunciaron que “a recompensa por este traballo é seguir adiando a negociación do convenio, mentres as empresas do sector seguen a facer negocio de xeito perverso cos nosos maiores; continúan a enriquecerse a costa das persoas maiores, pero non recoñecen a labor dos cadros de persoal”.

Por iso CIG, COO e UGT aseguraron que “vemos que o único camiño é o da acción sindical, xa que estamos comprobando en cada reunión que a estratexia empresarial é seguir adiando a negociación do convenio e seguir gañando tempo para non falar do realmente importante: xornada, salario, melloras sociais, ratios e organización do traballo, entre outras”.

Entenden que isto non leva a ningún lado e que as traballadoras e traballadores do sector “precisan xa dunha resposta, ante todo o esforzo que teñen realizado, nestes duros meses de pandemia, demostrada a súa implicación, profesionalidade e dignificación dun sector esencial e necesario para o coidado das persoas”.

Volver