Concentración o 30 de outubro nos xulgados da Coruña contra a represión sindical en Ramón García
A central reclama a readmisión do compañeiro, despedido por exercer o seu labor como presidente do comité
A Coruña -
A CIG ten convocada unha concentración para o vindeiro xoves, 30 de outubro, en demanda da readmisión do presidente do comité de Carpintería Ramón García, a quen a empresa despediu en represalia pola súa actividade sindical. A concentración, coa que a CIG tamén quere trasladar todo o apoio e solidariedade ao compañeiro, realizarase ás 09:30h diante dos xulgados da Coruña (na rúa Monforte) coincidindo co xuízo no que se reclama a nulidade do despedimento.
Hai que lembrar que este traballador asumiu en 2023 a representación da CIG nesta compañía situada en Ordes e no ano 2025, despois de gañar as eleccións, foi elixido presidente do comité. A partir dese momento, a empresa comeza cunha campaña de persecución e acoso contra del, até finalmente executar o seu despedimento.
A Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña salienta o intenso labor que estaba desenvolvendo na defensa dos dereitos laborais, na activación funcional do comité de seguridade e saúde ou “exixindo en cada reunión unha serie de melloras para o persoal de oficina, obra e taller”.
Por iso, para a central nacionalista trátase dun caso evidente de represión contra o traballador polo simple feito presentarse ás eleccións pola CIG, gañalas e desenvolver a acción sindical que lle corresponde como representante legal dos traballadores e traballadoras.
Novas relacionadas

