Concentración no Mercadona de Cee contra os despedimentos arbitrarios "para amedrentar o persoal"

A empresa utiliza presuntos incumprimentos de métodos para executar rescisións á carta

Cee -

A CIG concentrouse esta mañá diante do Mercadona de Cee para esixir a readmisión dunha traballadora deste centro e en rexeitamento aos despedimentos que a empresa aplicou nos últimos meses en varios supermercados da provincia. Estas rescisións prodúcense malia a sobrecarga de traballo que hai no comercio de alimentación dende o inicio da pandemia sen que se reforzaran os cadros de persoal e afectan ademais, "a aquelas persoas que se atreveron a reclamar os seus dereitos".

Esta é a terceira mobilización que a sección sindical da CIG desenvolve contra os arbitrarios despedimentos en Mercadona: cinco dende o pasado mes de decembro, aínda que poderían ser máis xa que a empresa non traslada esta información ao comité. Despois das protestas realizadas no supermercado que a empresa ten na Avda. de Oza na Coruña e no de Santa Marta de Santiago, apuntan dende a sección sindical da CIG, "parece que por agora non realizaron máis despedimentos".

A presidenta do comité provincial, María López Alejos, explica que Mercadona segue unha política de despedimentos pola que, ciclicamente, procede a expulsar do seu sistema a varios traballadores ou traballadoras "como medida exemplarizante, co único obxectivo de amedrentar o resto do persoal e crear ambientes laborais con excesiva esixencia de traballo". En concreto, no último que se produciu en Cee, que é o que provoca a protesta deste venres, a empresa utiliza eses supostos incumprimentos "para despedir miserablemente a unha compañeira".

Métodos imposíbeis de cumprir durante toda a xornada

López Alejos sinala que Mercadona sempre utiliza presuntos incumprimentos dos métodos de traballo interno para xustificar estas rescisións, pero nunca trasladou estes criterios por escrito, a pesar da representación da CIG terllos solicitado en reiteradas ocasións. Ademais, matiza,  son tan exhaustivos "que resultan imposíbeis de cumprir durante toda a xornada laboral". "Ninguén é capaz de facelo, a dirección de Mercadona sábeo e utiliza eses pequenos e rutineiros erros que todo o mundo comete para despedir nun momento determinado a quen lle pete e provocar así o amedrentamento e a submisión do resto de persoal".

Como consecuencia desta política, apunta a presidenta do comité, "Mercadona é incapaz de ganar ningún xuízo por despedimento nos xulgados. Todos son declarados, como mínimo, improcedentes, e algún incluso nulo".

O persoal, sometido a un control exhaustivo

Explica que o persoal de tendas está sometido constantemente a un control exhaustivo das súas funcións, practicándoselles “preavaliacións e avaliacións” de minucioso control e supervisión, nas que se recollen apreciacións que son absolutamente subxectivas, xa que non dependen de criterios prefixados e coñecidos, senón do que valore en cada momento a persoa encargada da tenda.

Desas avaliacións depende en gran medida que se cobre ou non a prima anual,  "que a empresa utiliza como unha chantaxe para manter submiso ao persoal", mais tamén serven para aplicar despedimentos á carta. Deste xeito, "as consecuencias non son iguais para todas as traballadoras/es, e ante o mesmo incumprimento unhas veces prodúcese unha apertura de sanción, noutras emítense actas de reprimenda (que na práctica Mercadona utiliza como sancións nas cartas de despedimento) e noutros casos non acontece nada".

En calquera caso, a presidenta do comité reitera "que non se entende que un incumprimento sexa motivación suficiente como para proceder ao despedimento e menos aínda que este se aplique de forma selectiva e discriminada". Pois, casualmente, "a quen acaban despedindo é ás persoas que teñen o atrevemento de facer valer seus dereitos laborais".

Volver