Carrefour Lugo exclúe do cribado a todo o persoal de reposición, limpeza e seguridade

As probas fixéronse tras confirmase varios positivos na liña de caixas

Lugo -

Os delegados e delegadas da CIG nas empresas externas do Carrefour Lugo denuncian que o persoal da compañías que prestan os servizos de reposición, limpeza e seguridade privada foi excluído do cribado realizado neste hipermercado, logo de confirmarse varios contaxios na liña de caixas. A multinacional francesa non recolleu a todo este persoal no listado enviado ao SERGAS para a realización das probas, malia supor o 40% dos empregados e empregadas do centro.

A representación da CIG en Diana Promoción e Recursos en Punto de Venta critica a actitude discriminatoria e irresponsábel por parte da dirección de Carrefour Lugo con todo este colectivo laboral “que tamén formamos parte do centro de traballo e estamos igualmente en contacto co resto de compañeiros e compañeiras e coa clientela”. Por iso, fronte á propaganda de Carrefour sobre a seguridade no hipermercado, advirten da ineficacia dun cribado no que falta boa parte do persoal “que non sabemos de certo se podemos estar contaxiados e contaxiadas”.

Diante disto, e tendo en conta os positivos confirmados neste centro, os delegados e delegadas da central sindical piden a Carrefour que solicite un novo cribado ao SERGAS no que se inclúa tamén a todo o persoal das empresas externas.

Volver