Bombeiros dos parques lucenses exixen a equiparación salarial cos do resto de Galiza

Percorreron Lugo en manifestación baixo o lema “Mesmo traballo, mesmo salario”

Lugo -

Bombeiros dos parques comarcais de Lugo percorreron esta mañá en manifestación a capital da provincia, desde a Deputación até o edificio da Xunta de Galiza, baixo o lema “Mesmo traballo, mesmo salario” en demanda da equiparación das súas condicións salariais cos compañeiros dos parques da provincia de Ourense. Entenden que ter “o mesmo traballo, os mesmos horarios, as mesmas condicións, agás o salario”, é un “agravio” para os bombeiros lucenses.

Na provincia de Lugo hai seis parques comarcais xestionados, no Norte, por Veicar e, no Sur, por Natutecnia: Vilalba, Barreiros, Viveiro, Sarria, Monforte e Chantada. Están integrados nun consorcio provincial que depende ao 50% da Deputación de Lugo e ao 50% da Xunta de Galiza.

Hai un ano constituíuse tamén en Ourense un Consorcio, unificando todos os parques e equiparando as condicións salariais de todos os traballadores tomando como referencia as do parque que maior salario tiña. Desde aquela, os bombeiros de Lugo veñen demandando tamén a equiparación salarial e reclamando salarios como os dos seus compañeiros en Ourense.

E é que, segundo explica Diego Pérez, delegado da CIG no comité de Lugo Norte, xestionado por Veicar, as súas condicións son as máis baixas de toda Galiza. De feito respecto dun bombeiro de Ourense, un de Lugo cobra 3.500 euros anuais menos e “non entendemos porque en Ourense si se dá esa equiparación e en Lugo, onde está o consorcio formado desde 2011, non se pode dar”.

Ao longo deste ano mantiveron xuntanzas tanto coa Deputación como coa Xunta de Galiza e conseguiron que a Deputación achegara os 330.000 euros necesarios para conseguir a equiparación correspondentes ao seu 50%. Porén,  a Xunta de Galiza primeiro “pediunos tempo para que xuntaran os cartos, porque era unha época fatal” e despois dixo que “mentres a deputación de Lugo non definira o modelo de xestión polo que vai optar -público ou privado- non ían achegar o seu 50%”.

Diante desta situación, Pérez asegura que a esta altura “os bombeiros da provincia de Lugo estamos moi queimados”. Lembra que o actual modelo de xestión aínda vai continuar até 2019 e considera “unha escusa” a xustificación da Xunta de non aportar os cartos para solucionar a situación salarial na que están os bombeiros dos parques lucenses, que entenden que sofren “un agravio comparativo” en toda regra.

Por iso os bombeiros saíron este mércores en manifestación, para exixir o que entenden que é un dereito e para advertir que seguirán loitando para que a Xunta de Galiza así o recoñeza.

Volver