As traballadoras dos SAF conseguen frear, tras 28 días de folga, a sinatura do convenio

Nacional -

A valentía das traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) que, contra vento e marea, cuns servizos mínimos abusivos e soportando presións de todo tipo, se mantiveron firmes e unidas na loita durante 28 días de folga indefinida, permitiu que conseguisen o seu obxectivo: que CCOO e UGT non asinasen un convenio lesivo para os seus intereses.

Precariedade e escaso recoñecemento social marcan o día a día das traballadoras dos SAF, que desenvolven un labor básico para miles de persoas en toda Galiza como é servizo de axuda no fogar. Un servizo público do que a Xunta de Galiza se desentendeu, traspasando a súa prestación aos concellos, que á súa vez deixan a xestión destes coidados en mans de empresas privadas, máis preocupadas por obter beneficios económicos que por garantir unhas condicións laborais e asistenciais dignas. 

A patronal buscaba crear unha dobre escala salarial con dúas táboas diferenciadas en función de cando se licitasen os contratos

Cun convenio sen actualizar desde 2011 e tras as situacións dramáticas vividas durante a pandemia, a patronal non só pretendía consolidar a precariedade que padecen, sen garantir sequera o mantemento do poder adquisitivo cunhas subas salariais acordes ao IPC, senón que mesmo buscaba crear unha dobre escala salarial con dúas táboas diferenciadas en función de cando se licitasen os contratos.

Garantir condicións dignas

Estas propostas, inadmisíbeis para as traballadoras, foron porén aceptadas por CCOO e UGT, que chegaron a asinar un preacordo de convenio colectivo que non permitía garantir unhas condicións laborais e salariais dignas, nin camiñar cara a necesaria dignificación dos traballos de coidados.

Por iso a CIG convocou unha folga indefinida e, durante 28 días, as traballadoras celebraron todo tipo de concentracións, manifestacións e actos de protesta en infinidade de concellos. Preto dun mes de mobilizacións durante o que CCOO e UGT mantiveron silencio até que, a petición da CIG, o pasado 29 de novembro o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL) convocaba a todas as partes a unha mediación na que, por fin, os sindicatos estatais declaraban que non asinarían ese convenio.

A decisión anunciábase ás portas mesmo do CGRL, onde as traballadoras permanecían concentradas á espera de coñecer os resultados da xuntanza. A vitoria da súa loita, a satisfacción por conseguir o primeiro dos obxectivos perseguidos compensaba así 28 duras xornadas de loita incansábel.

Deste xeito, a folga fica suspendida, á espera de que se reúna novamente a mesa de negociación para que se redacte un novo convenio que garanta incrementos salariais acordes ao IPC; contemple compensacións por quilometraxe xustas, atendendo á suba desbocada do prezo dos combustíbeis, e se dignifiquen e recoñezan socialmente os esenciais traballos de coidados que desenvolven.

Volver