As traballadoras do H&M de Ourense secundan o terceiro día de folga contra o ERE

Este sábado continuarán co paro, ao que tamén se sumarán as compañeiras do resto das tendas en Galiza

Ourense -

As traballadoras de H&M de Ourense están secundando este venres a terceira xornada de folga en rexeitamento ao salvaxe ERE formulado pola transnacional do téxtil, que en Galiza suporá o peche deste establecemento e o despedimento das súas 20 traballadoras; así como cerrar a tenda de Vigo-Príncipe e a de Narón. A folga é todo un éxito e continuará na xornada de maña, sábado 14 de maio, na que tamén se sumarán ao paro as compañeiras do resto das tendas que a empresa ten en Galiza.

Con tal motivo, para este sábado están convocadas as seguintes mobilizacións:

  • Ourense: ás 11:30h concentración e ás 12h, manifestación dende o H&M da rúa do Paseo.
  • Vigo: ás 12h e ás 18h, concentración diante do MARCO.
  • Lugo: ás 18h, concentración no CC As Termas.
  • Narón: ás 12h, concentración no CC Odeón.

Ademais destes peches definitivos, en tres establecementos máis habería despedimentos e modificacións das condicións de traballo: en Lugo, Vigo-Gran Vía e A Coruña-Marineda. De maneira que, das oito tendas que ten actualmente H&M en Galiza só dúas quedarían, de momento, libres das consecuencias do ERE (Pontevedra e Santiago).

Estes despedimentos e recortes laborais acontecen malia que varios dos centros galegos cumpren cos obxectivos de rendibilidade marcados pola compañía e no caso de Ourense "esta tenda ocupa o terceiro lugar dos establecementos con maior rendibilidade, segundo datos internos da propia empresa". Porén, a pesar do éxito das folgas e das mobilizacións, a H&M non se moveu un ápice nas súas posturas.

Por iso, a CIG-Servizos reclama a retirada dos despedimentos, a recolocación de todas as traballadoras nas tendas que fican abertas e, senón é posíbel, que se lles pague unha indemnización de 45 días por 42 mensualidades. Ademais demanda que, se abre algunha tenda nas cidades onde houbo despedimentos, estas traballadoras teñan preferencia na contratación.

Neste senso, a CIG tamén reivindica que o ERE se negocie por territorios e non a nivel estatal xa que os sindicatos CCOO e UGT, en conivencia coa empresa, impediron a participación dos sindicatos que a nivel estatal non acadan a representación necesaria, en base á lexislación do PP que segue vixente para os ERE. "Así nos encontramos con que unha parte moi significativa das traballadoras/es de H&M non teñen nin voz nin voto na mesa de negociación no período de consultas”.

Un exemplo máis de manter vixente a reforma laboral

A CIG reitera que o despedimento colectivo formulado por H&M, en base a supostas causas organizativas e de produción, é un exemplo máis das consecuencias de manter plenamente vixente unha reforma laboral que deixa todo o poder de decisión sobre a continuidade dos empregos nas mans das empresas, aínda teñan beneficios millonarios.

Volver