As que “lavan ás que xa non se poden lavar” álzanse pola dignificación da súa profesión

Centos de traballadoras de SAF de Galiza maniféstanse por un convenio digno e o pago do IPC de 2021

Nacional -

Centos de traballadoras dos Servizos de Axuda do Fogar manifestáronse esta mañá en Compostela para denunciar a precariedade que sofren, reclamar que se lles aplique o incremento salarial do 6,5%, que se corresponde co IPC de 2021, e demandar un convenio que permita dignificar as súas condicións laborais.

As que coas súas mans lavan “ás que xa non se poden lavar”; as que cociñan “para as que xa non poden cociñar”; as que axudan a mover “ás que xa non se poden mover”; as que coidan ás persoas que precisan coidados, erguéronse esta mañá para “rachar coas cadeas da explotación” e percorreron as rúas de Compostela en manifestación.

Un acto de protesta e de dignidade de mulleres traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar que ven como un traballo esencial para a sociedade, e que así foi considerado durante a pandemia, é tratado como un traballo de segunda, porque sempre foi realizado de balde por mulleres e porque seguen sendo mulleres quen, a través dos Servizos de Axuda no Fogar, os seguen desenvolvendo.

Un traballo mal pagado e pouco recoñecido que as confina a vivir nunha situación de precariedade coa que queren rachar. Por iso, as traballadoras que deron lectura ao comunicado denunciaron ás empresas que as teñen “en condicións miserábeis de traballo”. Empresas ás que denunciaron a viva voz porque pretenden seguir “humillándonos e roubándonos o que é noso”.

O 6,5% non se negocia

Por iso, ao berro de “o IPC non se negocia” declararon que non están dispostas a renunciar ao incremento salarial do 6,5% correspondente ao IPC co que rematou o ano 2021, que tería que estar xa reflectido nas súas nóminas e polo que seguen aínda agardando.

E é que en Galiza hai 250 empresas rexistradas de Servizo de Axuda no Fogar para as que traballan unhas 8.000 persoas, o 95% mulleres. Porén, só 4 actualizaron os salarios ao IPC real co que rematou o ano pasado malia estar así contemplado no convenio. “O resto ou non pagou ou está aboando a metade, un 3,1% ou un 3,2%”, como denunciou a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández, quen considerou que “é absolutamente insuficiente”.

Nese sentido, na súa intervención ao remate da mobilización, Fernández aclarou que negociarán o convenio logo de que as empresas incrementen os salarios nesa porcentaxe. Un convenio no que demandan a redución da xornada semanal; que se compute como tempo efectivo de traballo desde que se sae até que se regresa ao propio domicilio; descanso mínimo semanal de 48 horas sen interrupción; que se aumente o prezo do quilometraxe e baixas ao 100%, entre outras melloras.

Políticas privatizadoras das administracións

Tanto a secretaria nacional da CIG-Servizos como as traballadoras denunciaron ademais as políticas privatizadoras tanto da Xunta de Galiza como dos concellos, que teñen concesionados os servizos de axuda no fogar para que sexan empresas privadas -que buscan conseguir a maior porcentaxe de beneficios posibles a conta das necesidades das usuarias e usuarios destes servizos, e de pagar salarios de miseria ás súas traballadoras- quen os xestionen. Administracións ás que Fernández acusou de consentir que non respecten os pregos de condicións, “porque sacan os concursos máis baixos que o prezo hora”.

Por iso reclamaron que a axuda no fogar sexa un servizo público e de calidade xestionado directamente polos concellos e “non por empresas mafiosas e piratas como agora”. E encarándose á patronal deixaron claro que “nunca máis nos van tratar como escravas” e que non van parar até conseguir un convenio digno e xusto.

Volver