As protestas do persoal da recollida de lixo do Porriño forzan o Concello a esixir a subrogación á empresa

Responsábeis municipais manterán unha xuntanza con representantes de Narom

O Porriño -

O Concello do Porriño comprometeuse hoxe co persoal da recollida de lixo a manter unha xuntanza este mesmo xoves coa empresa Narom, que se vén de facer cargo do servizo, para esixirlle a subrogación de todos/as os traballadores/as. Os responsábeis municipais adoptaron a decisión tras a reunión que mantiveron cos representantes do cadro de persoal, e que foi convocada unha vez que os empregados/as desenvolveron a primeira das mobilizacións previstas diante do consistorio.

Segundo explica o responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, o Goberno local transmitiulles a súa intención de reunirse a primeira hora da mañá con representantes de Narom para reclamarlles que asuma os traballadores/as de Ascán Servicios Urbanos, empresa que até o pasado domingo se encargaba da recollida do lixo. “Do contrario, confirmáronnos que tomarán outro tipo de decisións a respecto da prestación do servizo”, indica Pérez.

O anuncio por parte dos responsábeis municipais tivo lugar esta mesma tarde, despois da xuntanza celebrada pola mañá cos representantes do cadro de persoal a raíz da primeira das mobilizacións convocadas diante do consistorio, onde os traballadores/as despegaron unha faixa e berraron consignas. De feito, as protestas continuarán este xoves, e manteranse até que a subrogación se faga efectiva.

Volver