As limpadoras/es das dependencias municipais de Vigo esixen o cumprimento do convenio colectivo

O persoal de Urbaser mobilizouse diante do Concello coincidindo coa celebración do pleno

Vigo -

As traballadoras/es do servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Vigo, que xestiona Urbaser, desenvolveron hoxe unha concentración diante do Concello para reclamar o cumprimento do convenio colectivo por parte da empresa.

A protesta, convocada polo comité (3 representantes da CIG, 1 de CCOO e 1 da UGT), desenvolveuse de 11:00 a 12:00 horas coincidindo coa celebración do pleno. A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, explicou que dende que Urbaser asumiu o servizo en 2019 “atopámonos con diversos incumprimentos do convenio colectivo que foron postos en coñecemento do Concello, sen que nos conste que tivese feito nada por solucionar a situación”.

Referiuse en concreto ao aumento de horas de traballo para ampliar as xornadas laborais do persoal, xa que a compañía está a facer 300 horas menos de limpeza á semana. “Por iso queremos denunciar publicamente que esta concesión que pagamos os cidadáns non cumpre co prego de condicións”.

Criticou tamén que a pesar dos cartos que Urbaser aforra deste xeito non está a substituír o persoal de baixa ou de vacacións. “Por iso sinalamos o Concello como cómplice desta situación e esixímoslle que lle faga cumprir á empresa o prego de condicións dun servizo que se paga con cartos públicos”.

Así mesmo, Fernández lamentou que intentaron “sen éxito” manter xuntanzas co concelleiro de Limpeza e co propio alcalde para abordar o que está a acontecer, polo que o cadro de persoal, “ante incumprimento do convenio e ante a imposibilidade de negociar a súa renovación, xa que leva máis dun ano caducado, optou por convocar mobilizacións para manifestar o seu descontento e rexeitar os traslados abusivos por parte da empresa”.

Volver