As contratas do Concello de Santiago, en loita por unhas condicións laborais dignas

Os comités de Urbaser, Servisar e dos centros socioculturais concentráronse no Obradoiro

Compostela -

Un berro unánime sorprendía esta mañá a peregrinos de todas as procedencias na praza do Obradoiro: “Bugallo, escoita, as contratas están en loita!” Eran os comités do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, concesionado a Urbaser; o comité do Servizo de Atención ao Fogar, concesionado a Servisar e o dos centros socioculturais, que acaba de ser repartido en lotes e concesionado a varias empresas. Tres comités distintos cunha mesma demanda, dignificar as condicións laborais do persoal destes servizos públicos.

Así o explicaba ao pé do Pazo de Raxoi o membro da executiva nacional da CIG-Servizos, Roberto Alonso, quen incidía en que o que une as loitas do persoal destas tres concesionarias, con problemáticas diferentes en cada empresa, é o concello, que non vixía polo cumprimento das condicións laborais.

Urbaser, polo cumprimento dos acordos

No caso de Urbaser, as mobilizacións iniciáronse cando a empresa concesionaria despediu a dous compañeiros incumprindo uns acordos que estaban vixentes desde o ano 2016. Agora denuncian ademais o incumprimento da empresa do prego actual de condicións ao que se suma o que desde o comité cualifican como “as mentiras do concello” pola acusacións vertidas polo propio alcalde a raíz dos incidentes que houbo e que entenden que teñen como obxectivo desprestixiar a loita do persoal. “Non houbo tal sabotaxe, os camións traballaron perfectamente e cremos que a empresa e máis o concello o están utilizando para mermar as nosas forzas”.

Neste contexto están a negociar, ademais, o convenio colectivo e demandando que se inclúa a suba do IPC para que se manteña o poder adquisitivo das traballadoras e traballadores.

Centros socioculturais en loita

No caso dos centros socioculturais a loita tamén vén de lonxe, desde que se iniciou o proceso para o novo concurso que aínda onte asinaron as empresas que resultaron adxudicatarias. Un proceso ateigado de problemas por mor do absoluto mutismo do concello, que non quixo escoitar as advertencias do persoal.

Agora o persoal denuncia que as concesionarias que xa advertiron que o convenio, como tal, non o ían aplicar. “Nós non o imos consentir e así o transmitimos ao alcalde”, afirma o representante da CIG-Servizos. “Entendemos que hai que subrogar ao persoal con todas as condicións incluído o marco de negociación”.

Nese sentido explica que había un convenio estatal que lle aplicaban ao persoal e que se conseguiu superar tras numerosas mobilizacións, incluída unha convocatoria de folga, asinando un convenio propio que mellora substancialmente o estatal neste centro de traballo. “Por iso queremos manter o marco de negociación, porque coincide que este ano teriamos que negocialo e non imos tolerar que ningunha empresa non respecte o convenio”.

Hai empresas que din que van manter as condicións ad person, isto é, a nivel individual, pero o que demandan é que se manteñan as condicións de forma colectiva. Por iso Alonso advirte que “se as empresas entrantes non contemplan respectar o marco de negociación, a parte de xudiciadizalo, continuaremos coas mobilizacións”.

De feito, en asemblea de traballadores e traballadores está previsto dar continuidade ás mobilizacións en xuño e posiblemente en xullo, en función de cómo avancen as negociacións e se respecten as condicións laborais, porque non están dispostos a consentir unha dobre escala, con dobres condicións laborais nun mesmo centro de  traballo.

Servisar non aplica a suba do IPC

No caso da empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar está contemplada en convenio unha cláusula de revisión automática que a empresa non o está cumprindo. Por iso consideran que o concello ten que pedir responsabilidades á empresa e obrigala a que respecte a aplicación do convenio colectivo.

Alonso acusa ao goberno compostelán de abandonar ao persoal, na súa inmensa maioría mulleres. “Quedou moi bonito gabar o traballo que, como servizo esencial, fixeron estas traballadoras durante a pandemia”, sinala, “pero parécenos unha mostra de cinismo que despois ninguén se acorde delas cando chega o momento de manter o seu poder adquisitivo e máis que o concello dera publicamente ese recoñecemento á empresa, o pasado 8 de marzo, e non ás traballadoras”.

A situación destas traballadoras é tanto máis grave canto que precisan utilizar o seu vehículo para poder desprazarse dun domicilio a outro. “Co aumento brutal que están tendo os combustíbeis necesitan, con carácter inmediato, o incremento salarial do IPC, non están pedindo outra cousa”, conclúe Alonso.

O nexo de unión destes conflitos é, pois, o concello, que pretende ofertar uns servizos públicos pero entregarllos a empresas privadas para que os xestionen, desentendéndose das condicións laborais do persoal, que son as que se rebaixan para esas empresas garantir beneficios.

Volver