Amplo seguimento dos paros laborais contra a precariedade laboral en JEVASO

Arteixo -

Os paros laborais de unha hora por quenda de traballo convocados este venres en JEVASO rexistraron un elevado seguimento nas instalacións que a empresa ten en Arteixo. Deste xeito, o persoal evidencia a súa disposición a loitar contra a precariedade que padece e dálle cumprida resposta á negativa patronal a negociar melloras en materia de xornada, salario, descansos ou prevención de riscos.

Tras desta xornada de paros, que estiveron acompañados de concentracións diante das instalacións do Polígono de Sabón, o comité reclámalle á empresa vontade real para negociar e que abandone a súa postura intransixente.

Neste senso, a FGAMT-CIG subliña que non é certo que este empresa non poida asumir os custes económicos das xustas demandas sociais, xa que estamos falando dunha compañía de enormes dimensións con grandes beneficios, pero é que ademais, nin sequera quixo entrar a negociar aquelas reivindicacións que non lle supoñen un custe económico.

Entre as demandas do persoal hai cuestións tan básicas como cumprir co descanso efectivo de 15 minutos que estabelece o convenio colectivo, ou que as persoas que xa realizan unha xornada semanal de 40 horas non teñan que traballar 18 horas a maiores ao ano.

Xunto a isto, a creación dun plus de transporte, que se cubran as vacantes da quenda de mañá con persoal da empresa para que opten a elas en base a súa antigüidade ou regular o abuso do uso das ETT. Sobre este punto, co obxectivo de reducir a precariedade na contratación e darlle estabilidade aos empregos, propúxose que o persoal contratado a través de ETT pase a ser persoal propio da empresa cando levan máis dun ano no centro.

O comité reclama tamén medidas para mellorar a seguridade e a saúde laboral, cumprir coa normativa vixente nesta materia, implentar medidas para evitar as lesións polos movementos repetitivos e a manipulación de cargas; levar adiante de maneira urxente a análise dos riscos psicosociais e actuar ante as actitudes hostís dos mandos intermedios que xeran un clima laboral de tensión e estrés insoportábel.

Volver