A Xunta non anticipa o dispositivo de incendios a pesar das condicións climatolóxicas

CIG-Servizos denuncia que nin sequera publicou o Pladiga deste ano

Nacional -

Pese as actuais condicións climatolóxicas e a estar diante dunha vaga de incendios equivalente ás que se producen en pleno verán, a CIG-Servizos denuncia que a Xunta de Galiza “ignora esta situación e non anticipou o dispositivo de incendios chegando a estar pendente de aprobación e publicación o Pladiga deste ano”. O secretario nacional da federación, Paulo Rubido, asegura que “non existe ningún tipo de reforzo, nin se mobilizou a ningún dos recursos do dispositivo, como se estiveramos nun mes de abril con condicións climatolóxicas normais”.

Coincidindo coa celebración da proba física de Seaga, a CIG-Servizos denunciou novamente, en rolda de prensa, as condicións de absoluta precariedade do cadro de persoal de Seaga, que segue convertida nunha ETT pública, “con pésimas condicións laborais e pésimas condicións de traballo”. Unha situación diante da que xa anunciou mobilizacións, que comezarán coa xa tradicional homenaxe aos traballadores de Seaga falecidos no incendio de Fornelos ocorrido en 2010.

Obriga de contratar ao persoal en período de alto risco

Rubido lembrou que se agarda pola resolución do Tribunal Supremo polo recurso da empresa á sentenza que establece a obriga de contratar ao persoal de Seaga cando haxa encomenda e período de alto risco. “Se o Tribunal Supremo ratifica a sentenza, gañamos máis días de traballo en cada campaña, podendo reclamar días das campañas de anos anteriores”, afirmou.

Tamén se agarda pola sentenza do TSXG sobre o recurso presentado pola empresa para o cobro de nocturnidade, festividade e horas extra como o persoal propio da Xunta de Galiza e asegurou que, neste momento, hai xa numerosas sentenzas de primeira instancia favorábeis á nocturnidade e resto de complementos e tamén algunha desfavorábel á festividade e horas extras. A este respecto matizou que “no caso de gañar o recurso ábrese a porta a reclamar todas as condicións laborábeis e económicas do V convenio da Xunta, moito mellores que as de Seaga”.

Recoñecemento do tempo traballado en Seaga

Xunto a isto informou de que varios traballadores e traballadoras de Seaga presentaron reclamación individual para que se lle recoñeza o tempo traballado en Seaga nas listas de incendios da Xunta de Galiza que, de momento, non puntuan o  traballo nesta empresa pública pero si nos concellos. “A administración resolveu en contra e xa presentamos impugnación á resolución. A nosa asesoría dinos que temos posibilidades de gañar e imos ir o xulgado con estas reclamacións individuais para probar”. A isto engadiu que, no caso de que se convoque un proceso selectivo para cubrir prazas de incendios na Xunta, “imos impugnar a oposición para ter dereito ao recoñecemento do tempo traballado en Seaga”.

Rubido sinalou ademais que a CIG tivo coñecemento dunha recente sentenza de Madrid dunha interina discontinua de tres meses que gañou o subsidio de desemprego para maiores de 55 anos. Un subsidio que se denega ao persoal de Seaga en calquera das súas modalidades. Por iso animou ao persoal, sexa interino discontinuo ou indefinido non fixo discontinuo, a reclamar o subsidio ao final da campaña con esta sentenza na man. “´É unha reclamación que podemos gañar ou perder, pero hai que intentalo”, dixo.

Contratación temporal, precaria e indecente

Xunto a isto, o secretario nacional da CIG-Servizos denunciou  que desde a Xunta de Galiza non hai interese algún en buscar solucións a este modelo de contratación “temporal, precaria e indecente” e que ademais este ano, o xerente de Seaga decidiu unilateralmente modificar as táboas salariais e recuperar o famoso plus de actividade para tentar baixarnos o salario. “Diante desta decisión a CIG presentou reclamación xudicial”, explicou e informou de que o xuízo terá lugar o vindeiro 25 de maio no TSXG.

Conflito colectivo

A CIG presentará ademais conflito colectivo para anular a necesidade de ter que pasar cada ano a proba física para o persoal de plantilla e levará novamente ao Parlamento de Galiza preguntas sobre a situación laboral nesta empresa pública. Segundo explicou Rubido este ano hai máis traballo de obra en Seaga, pero se están a empresas as listas de contratación temporal. Unha situación fronte a que asegurou que “queremos traballo, pero con condicións dignas”.

Volver