A nova adxudicataria do SAF de Pazos de Borbén asume finalmente o servizo tras as reclamacións da CIG

A central mantén contacto coa anterior compañía para que proceda a abonar os salarios pendentes

Pazos de Borbén -

A empresa Idades asumiu finalmente o pasado 9 de decembro o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Pazos de Borbén despois das reclamacións feitas pola CIG, xa que aínda non o fixera a pesar de resultar adxudicataria do servizo no mes de outubro. Ademais, a central sindical mantén contacto coa anterior compañía encargada da xestión para que abone as débedas salariais pendentes.

Dende a representación da CIG no SAF (1 delegada de persoal) demandaba a formalización do contrato para proceder á subrogación das traballadoras/es, e en caso contrario esixíanlle ao Concello que asumise a prestación do servizo de xeito directo. Idades negábase a facelo polas débedas que Saluvi, a anterior empresa, mantén co cadro de persoal e coa Seguridade Social. 

A CIG presentará unha reclamación xudicial se a anterior empresa non abona os soldos pendentes

Neste senso, a central sindical mantén contactos coa compañía para que proceda a abonar as nóminas pendentes (a de novembro e até o 8 de decembro), xa que no caso de non facelo presentarán unha reclamación xudicial de cantidades contra todas as partes responsábeis. Responsabilidade da que non eximen ao Concello, “que é coñecedor duns problemas que agardamos que non se repitan coa nova empresa”.

Finalmente, lembran que Saluvi ten pendente de pagar arredor de 30.000 euros en salarios tanto ao persoal do SAF do Concello de Pazos de Borbén como ao de Silleda, que tamén xestiona. Cantidade á que hai que sumar os 120.000 euros que lle adebeda á Seguridade Social.

Volver