A III Asemblea da CIG-Industria de Lugo-A Mariña elixe a Xosé Manuel Peña como secretario comarcal

Tamén se escolleron as persoas que formarán parte da Dirección Comarcal

Lugo/A Mariña -

A III asemblea da CIG-Industria de Lugo-A Mariña elixiu o pasado venres a Xosé Manuel Peña Abeijón como novo secretario comarcal. A candidatura de Peña, a única que se presentou, recibiu o apoio unánime dos delegados e das delegadas que participaron na asemblea celebrada nos locais de Burela, e nela tamén se escolleu á Executiva comarcal da federación, as persoas que formarán parte da Dirección Comarcal da CIG-Industria en Lugo-A Mariña, do Consello Comarcal e mais do Consello Federal.

Deste xeito, a nova Executiva comarcal queda conformada, ademais de por Peña, por Gerardo Villar Dorado, Enrique Rocha Pérez, Susana Riveira Fernández, Jorge Rodríguez Rodríguez, Juan José Castro López e Divina Rubinos Regueiro.

No proceso, ao que asistiu o secretario nacional da CIG-Industria Xoán Xosé Bouzas Aboi, fíxose un repaso pola acción sindical desenvolvida nos últimos catro anos, marcada pola extensión da precariedade laboral, a paralización da negociación colectiva, o desmantelamento do tecido produtivo da provincia e a intensa conflitividade que se está a vivir na Mariña en defensa da continuidade dos empregos e da actividade produtiva nas fábricas de Alcoa e Vestas.

Avaliouse a necesidade de manter e incrementar as mobilizacións e as medidas de presión para conseguir frear os plans de peche destas multinacionais e forzar os gobernos español e galego a achegar as solucións que até agora estiveron eludindo, e que no caso de Alcoa pasan pola intervención pública da factoría, mais tamén pola posta en marcha dunha tarifa eléctrica industrial na liña da formulada pola CIG así como pola derrogación íntegra das reformas laborais.

Neste senso, abordouse como afrontar a negociación colectiva do convenio provincial do metal e dos convenios de empresa ante o mantemento das reformas laborais, que o secretario nacional da CIG-Industria chamou a combater nestes convenios. De igual xeito instou a confrontar coa mobilización a nova lei de pensións que o goberno está a tramitar e que mantén os recortes introducidos nas reformas de 2011 e 2013 e incluso abre a porta a futuros retallamentos.

Pero para enfrontar estes retos nas mellores condicións e avanzar nunha saída galega xusta da crise, subliñouse, cómpre fortalecer a organización, incrementar a representatividade e reforzar os nosos piares básicos: o asemblearismo, a combatividade, a solidariedade e a unidade de clase. Máis nun momento no que a precariedade, a subcontratación e a fragmentación da clase traballadora necesita que o sindicalismo sexa máis útil que nunca e capaz de dar resposta a todas as loitas.

Volver