A folga na recollida do lixo de Pontevedra, cada vez máis preto pola actitude da concesionaria

Cespa-Ferrovial reitera a súa intención de que o persoal renuncie a cobrar a antigüidade

Pontevedra -

O comité de empresa de Cespa-Ferrovial (CIG, CCOO, UGT e USO), concesionaria da recollida do lixo de Pontevedra, ve cada vez máis lonxe un acordo que permita desconvocar a folga indefinida prevista a partir deste domingo 25 de decembro xa que a empresa insiste en que os traballadores/as renuncien a cobrar a antigüidade derivada dos contratos eventuais.

A representación do cadro de persoal compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta dos últimos contactos mantidos coa dirección co obxectivo de chegar a un acordo que permita a renovación do convenio colectivo. Segundo explicaron, as partes mantiveron unha xuntanza o pasado venres que durou “media hora” e na que os empregados/as se sentiron “insultados”.

 

A compañía reiterou a súa proposta de que renuncien a cobrar a antigüidade derivada dos contratos eventuais xa que di que se trata dunha cantidade “inasumíbel” que se elevaría até os 60.000 euros. Pola súa banda, dende o comité sosteñen que o que a empresa tería que pagar rondaría unicamente os 25.000 euros, “e iso tendo en conta que neste cálculo inclúense máis traballadores/as dos que a empresa recoñece que lles adebeda a antigüidade, que segundo ela serían só 23”.

 

Neste senso, critican que Cespa-Ferrovial diga que non pode asumir este custe cando dende 2013 aforrou arredor de 300.000 euros en antigüidade grazas ás xubilacións, prexubilacións e aos postos que mantén sen cubrir, ademais de ver reducido o gasto en combustíbel ao ter parte da maquinaria sen utilizar.

Entenden pois que a negativa da empresa é “unha escusa” para levar o conflito até as últimas consecuencias “como fai cada vez que nos sentamos a negociar un novo convenio”. Así, anuncian que nos vindeiros días convocarán unha nova asemblea cos traballadores/as para preparar unha folga indefinida que daría comezo o domingo 25 de decembro ás 22.30 horas e que afectaría o servizo de recollida do lixo e limpeza viaria e de dependencias municipais.

 

Volver