A contrata do servizo de camareiras de piso do Grupo de Hoteis HOTUSA aplicará o convenio de hostelaría

A CIG-Servizos valora positivamente a mellora das condicións laborais do colectivo

Compostela -

Tras meses de mobilizacións en denuncia das precarias condicións laborais das camareiras de piso (kellys) unha das principais cadeas do sector en Compostela, HOTUSA, accede a contratar a unha empresa que vai garantir o cumprimento do convenio de hostalería da provincia da Coruña. A CIG-Servizos valora positivamente esta decisión logo de mobilizacións constantes e denuncias ante a inspección e nos xulgados para que se dignificaran as condicións laborais deste colectivo.

A partir do 1 de novembro este grupo cambiou de empresa responsable da limpeza de pisos aplicando o convenio de hostelaría da Coruña, cando antes  tiñan un convenio propio no que, en esencia, se limitaban a cumprir o Estatuto das Traballadorase/es.

As condicións laborais deste colectivo -coñecido como as Kellys- e as do propio convenio de hostelaría teñen aínda cuestións que mellorar mais para o secretario comarcal da CIG-Servizos en Compostela “este cambio xa supón un importante avance”.

Roberto Alonso subliña que “vén producido polas concentracións que fixemos diante dos hoteis desta cadea (Hotel GH, Hotel Área Central e Hotel Eurostars San Lázaro da cidade de Compostela) denunciado a situación destas persoas”. Por iso anima, unha vez máis, ás traballadoras deste colectivo, “ás que non se lles aplica o convenio de hostalería, a acudir á CIG para seguir denunciando a súa precariedade e loitar por unhas condicións laborais dignas”.

Volver