A concelleira de Benestar Social de Lugo négase a que un asesor da CIG participe nunha reunión sobre o Centro de Día Antonio Gandoy

Lugo -

A CIG-Servizos quere manifestar a súa sorpresa e desacordo coa actuación da concelleira de Benestar Social, Olga López Rocamonde, que impediu que o asesor da central nacionalista puidera acompañar a delegada do Centro de Día Antonio Gandoy  nunha reunión para tratar a situación asistencial e laboral en dito centro.

A raíz dunha denuncia presentada pola CIG polo incumprimento das ratios de persoal, a non cobertura das baixas ou a asignación ás xerocultoras de tarefas que exceden a súa formación, a concelleira convocou a unha xuntanza á delegada de persoal (que acaba de saír elixida) e á dirección do centro.

Unha vez iniciada, a responsábel de Benestar Social preguntou quen era a persoa que acompañaba á delegada do persoal e cando se lle informou que se trataba do asesor da CIG, Xosé Paz, a concelleira negouse a continuar o encontro, subliñando que só podía asistir a representante das traballadoras e que Paz tiña que marchar.

Para a CIG resulta intolerábel esta actitude antisindical da concelleira, impedindo que as representantes legais das traballadoras e traballadores poidan acudir ás xuntanzas con persoal asesor, máis cando o que se vai tratar son os incumprimentos dos pregos de condicións por parte da empresa adxudicataria.

Con este postura, "a concelleira parece dar a entender que o obxectivo da xuntanza non era abordar os moitos problemas que hai no centro de día, senón acurralar a delegada", sinala Paz.

Problemas coas ratios e as coberturas das baixas

Cómpre subliñar que no centro Antonio Gandoy non se están a cumprir as ratios de persoal xa que os pregos estabelecen que debería haber 10 xornadas completas cando só hai 7 e media. De feito, nin sequera se cumpren as ratios que marca a Xunta de Galiza para as residencias e centros de día privados.

Ademais tampouco se están a cubrir as baixas do persoal técnico, da enfermeira, do médico ou da traballadora social. E no caso das xerocultoras, asignáronselle unhas tarefas, como a administración de medicamentos, que fan sen a supervisión médica correspondente.

Aínda que este labor viña así recollido nos pregos, a CIG pide que se modifique xa que constitúe un risco para as persoas usuarias e unha sobrecarga psicolóxica para as traballadoras, que teñen que asumir este traballo malia non ter a formación requirida.

"Todas estas cuestións eran as que a CIG ía tratar na reunión co Concello de Lugo, pero que a edil de Benestar Social se negou a ter", lamenta o sindicalista. Por iso, pídelle a López Rocamonde "que recapacite, volva convocar a reunión e antepoña a prestación duns servizos públicos de calidade ás súas fobias sindicais particulares".

Volver