A CIG-Saúde recolle máis de 500 sinaturas para a creación dunha escola infantil no Hospital da Mariña

Burela -

A CIG-Saúde da Mariña impulsou unha recollida de sinaturas entre as traballadoras/es reclamando que se cumpra a normativa do SERGAS e que o Hospital da Mariña conte cunha escola infantil pública para nenos e nenas de 0 a 3 anos e así favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.

A CIG-Saúde denuncia que o SERGAS incumpre a súa propia normativa no anuncio da ampliación do Hospital da Mariña en materia de conciliación da vida laboral e familiar. Por iso reclama que se cree unha escola infantil pública que abra de 7:30 a 22:30 horas durante todos os días da semana, incluídos festivos.

"É obriga da administración cumprir a súa propia normativa e poñer a disposición das traballadoras e traballadores medidas de conciliación para favorecer o coidado das crianzas en horario laboral. Unha medida imprescindible, subliñan, para que aquelas mulleres que decidan libremente ter fillos/as non se atopen con trabas que lles fagan elixir entre ser nai ou desenvolverse profesionalmente", aseveran.

Salientan que a escola debe ser "un lugar de socialización, afecto e goce onde se cubran todas as necesidades infantís; saúde, hixiene, descanso, xogo e afecto, nun ambiente cálido e acolledor". O equipo debe estar integrado por mestres/as de Infantil e persoal técnico superior de Educación Infantil, e o centro debe constar de dependencias acondicionadas e  dun proxecto educativo propio adaptado á idade do neno/a, levando a cabo unha serie de obxectivos xerais en cada unha das etapas.

"Débese dar unha gran importancia tanto ao desenvolvemento harmónico, físico e psíquico como á autonomía do neno/a, xa que o primeiro ciclo de educación infantil é clave para as seguintes etapas da súa vida", engade. A CIG-Saúde aposta polo coidado, desenvolvemento e recoñecemento dos e das profesionais, e pola conciliación laboral e familiar do persoal.

Doutra banda, a CIG-Saúde denuncia que se están derivando cara ao Hospital de Lugo (HULA) pacientes de Medicina Interna que requiren de ingreso, pola incapacidade do centro para asumir as necesidades asistenciais da comarca. Advirten que detrás da boa aparencia pola renovación das fachadas, "dando a impresión de que está a apostar polo crecemento do hospital, agóchase un hospital desmantelado pola falta de persoal".

A falta de especialistas en Medicina Interna que vén arrastrando de xeito constante este centro hospitalario (5 efectivos dos 10 existentes para atender urxencias, consultas externas e pacientes ingresados,  sumado á alta ocupación de pacientes a cargo de Medicina Interna, até 60 persoas ingresadas en días pasados), provoca que se incumpran os ratios recomendábeis para ofertar unha atención de calidade (8 pacientes por especialista).

Porén, no Hospital da Mariña cada un dos/as especialistas chega a ter asignadas até 19 doentes por quenda, "unha cifra totalmente inasumíbel que pon en risco a saúde tanto dos/as pacientes como dos/as propios profesionais".

Ante esta situación, critican, a dirección do centro decidiu que o Hospital da Mariña “non vai asumir máis de 35 pacientes ingresados polo que,  a partires de aí,  cada novo paciente a cargo de Medicina Interna que precisa de ingreso, derivase ao HULA e é por isto que,  veciños e veciñas da Mariña, hoxe si e mañá tamén, sofren as consecuencias de ter que ingresar en Lugo até reducir o número de persoas ingresadas ao máximo establecido de ocupación".

Volver