A Fiscalía denuncia o dono da franquía de McDonald's en Ourense por delitos contra os traballadores/as e coaccións

A CIG leva anos de batalla sindical e xudicial contra este empresario “déspota, acosador e tirano”

Ourense -

A Fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense vén de decretar a interposición dunha denuncia ante o Xulgado Decano contra o propietario da franquía de McDonald's, Esteban Jesús Cuesta Martín, por delitos contra os dereitos das persoas traballadoras, a integridade moral e por coaccións. Xunto a el figura como acusada tamén a encargada xeral da empresa, Sandra Alvarín López.

A imputación destas dúas persoas, que foi anunciada hoxe en rolda de prensa polo secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, e pola responsábel da Secretaría das Mulleres, Xulia González Pascual, prodúcese a raíz das demandas presentadas pola CIG dende 2018 por atentados contra a liberdade sindical e a dignidade das persoas traballadoras. 

As afectadas pola actitude do empresario son case sempre mulleres

Deste xeito, a Fiscalía dá por pechado o proceso de investigación e decide imputarlles tres presuntos delitos: un contra os dereitos das persoas traballadoras, tipificado no artigo 315 do Código Penal, outro contra a integridade moral, regulado no artigo 173 do CP, e outro de coaccións, que figura no artigo 172 do CP.

Dende a CIG-Ourense sinalan que a actitude “despótica, acosadora e tiránica” do empresario foi a máis dende as primeiras denuncias presentadas pola central sindical en 2018, “de xeito que moitas das persoas que nun principio ían testificar ao seu favor finalmente relataron o que de verdade acontecía na empresa”. E fan fincapé en que as afectadas das súas "persecucións" son case sempre mulleres.

Varias condenas

Neste tempo tivo que facer fronte tamén a varias condenas que lle supuxeron ter que desembolsar importantes cantidades en concepto de indemnizacións: unha do Xulgado do Social por danos morais a unha traballadora pola que tivo que pagarlle 6250 euros; e outra do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que logo foi ratificada polo Tribunal Supremo que lle obrigou a abonarlle 20.00 euros a outra empregada.

Recentemente tivo que pactar unha indemnización de 40.000 euros -superior á que establece a lexislación laboral- polo despido dunha traballadora a cambio de que retirase unha denuncia penal.

Dende a central sindical salientan tamén o feito de que a encargada xeral da franquía, e man dereita do empresario, entrase como testemuña no xulgado e saíse como imputada polos mesmos delitos, “o que demostra que moitas veces este tipo de comportamentos antisindicais e antiobreiros son asumidos tamén polos mandos intermedios das compañías”.

Por todo isto, agardan que “por unha vez o Código Penal sexa utilizado para perseguir delitos por parte do empresariado e non unicamente para acosar a clase traballadora”.

Volver