A CIG gaña as eleccións en Avanza, empresa de servizos que traballa para Gefco

A federación de Servizos de Vigo logrou tres dos cinco delegados/as que se escollían no comité

Vigo -

A federación de Servizos da CIG de Vigo vén de gañar as eleccións sindicais en Avanza, compañía de servizos que traballa para o grupo de transporte e loxística Gefco, ao lograr tres dos cinco delegados/as que se escollían no comité de empresa.

Dende a central salientan o resultado obtido a pesar de que durante o proceso electoral a empresa despediu o traballador que ocupaba a segunda posición na lista, decisión que foi levada a xuízo para solicitar a nulidade do despido. “Tivemos a dirección absolutamente en contra e manexando por detrás para que a CIG non conseguira un bo resultado” .

A empresa despediu o número 2 da candidatura da CIG en pleno proceso electoral

Neste sendo, sosteñen que a estas novas empresas de servizos non lles gusta a presenza dunha central sindical como a CIG, “e no momento que teñen coñecemento das persoas que van na candidatura proceden a facer uso do despido para amedrentar ao resto do cadro de persoal”.

Con todo, nesta ocasión non o conseguiron e a lista da CIG obtivo un gran resultado, máis se cabe tendo en conta que a central non contaba con representación sindical na empresa.

Tras o proceso electoral, o comité queda integrado por 3 delegados/as da CIG (45 votos) e 2 de CCOO (27 votos). Nas votacións participaron un total de 75 traballadores/as dos 83 que figuran no censo e rexistráronse tres votos en branco.

Dende a CIG-Servizos amosan o seu recoñecemento público aos empregados/as de Avanza que se presentaron pola candidatura da central “porque somos conscientes do valentes que foron ao continuar adiante” e ao conxunto do cadro de persoal “por votar de xeito maioritario por nós”.

Volver