A CIG-Ensino revalida a súa ampla maioría nas eleccións sindicais superando o seu teito electoral

Acada uns resultados históricos con 66 dos 146 representantes do profesorado galego

Nacional -

O profesorado galego do ensino público volveu depositar o seu apoio na CIG-Ensino cunha enorme diferenza ao respecto de todos os demais sindicatos. A organización nacionalista subiu en representación, pasando de 60 a 66 delegados e delegadas, o que representa o maior incremento na representación da CIG entre eleccións.

O reparto provincial deixa unha tendencia á alza da CIG-Ensino en todas as provincias, malia partir xa de porcentaxes, votos e representantes moi elevados. Na Coruña, o sindicato acada a maioría absoluta con 25 delegados/as dun total de 47, no mellor resultado desde que se celebran eleccións sindicais no ensino. En Pontevedra tamén se mantén a maioría absoluta, neste caso por terceira vez consecutiva, con 22 representantes dun total de 43.

En Lugo a CIG-Ensino pasa de 10 a 11 delegados e delegadas dun total de 27 e en Ourense a CIG supera o seu teito de votos e representantes, chegando a 8 delegadas e delegados dun total de 27.

Grazas á voz e á forza do profesorado a CIG-Ensino rompe o seu teito electoral

En total, o que xa desde sempre foi o sindicato maioritario no ensino público galego acadou a súa máxima representación cun total de 66 de 146 delegados e delegadas que elixía un censo conformado por máis de 33.000 docentes, o que representa un dato histórico nas eleccións sindicais do ensino público galego. Son tres puntos máis con respecto aos resultados de hai catro anos, chegando ao 45,20% do total de representantes.

A mensaxe do profesorado galego é clara: premia o compromiso, o esforzo e a coherencia dun proxecto sindical sempre presente nos centros e construído ao carón dun profesorado ao que representa sen suplantar. Un profesorado que deixa clara a voz e a forza que lle dá a un sindicato que non se dobrega, transformador e combativo mais coa responsabilidade e o rigor que caracterizou sempre o sindicalismo nacionalista desde os seus comezos.

Cos datos aínda provisionais, e á espera da proclamación definitiva dos resultados polas catro mesas coordinadoras provinciais, a CIG-Ensino quere agradecer profundamente a todo o profesorado que encheu as urnas con votos de apoio á CIG-Ensino, ao tempo que felicita a todas aquelas persoas que participaron neste proceso electoral, a quen formou parte da candidatura composta por preto de 1.000 persoas e a quen desde os centros colabora no día a día a conformar este proxecto colectivo e plural. Uns resultados que veñen de configurar a representación para os próximos catro anos tanto nas Xuntas de Persoal provincial como na Mesa Sectorial docente.

O compromiso desde xa para a organización maioritaria no ensino público galego é manter o modelo sindical participativo e combativo e defender a todo o profesorado, sen distincións, de todos os niveis e etapas educativas, de todo tipo de centros e sexa cal for a súa situación administrativa, funcionariado de carreira ou interino e substituto, como levamos facendo desde sempre.

Volver