A CIG de Lugo iniciará unha campaña para esixir medidas urxentes que revertan o declive da provincia

O informe elaborado pola central arroxa datos "demoledores" en todos os indicadores

Lugo -

A CIG de Lugo-A Mariña presentou este venres o informe socioeconómico da provincia elaborada polo Gabinete Técnico Confederal, que arroxa datos moi preocupantes en todos os indicadores analizados. Para reverter este declive do mercado de traballo, da actividade económica e da perda poboacional, a central nacionalista iniciará unha campaña sostida no  tempo con de propostas de medidas urxentes que trasladará ás administracións e que incluirá mobilizacións en distintas comarcas. Así o explicou o secretario comarcal, Antonio Niño, quen compareceu acompañado de Natividade López, economista do Gabinete Técnico da CIG.

Niño salientou que o declive da provincia non é casual, senón froito das políticas que se viñeron aplicando e que contribuíron ao deterioro do tecido produtivo, ao desmantelamento do sector industrial e dos servizos públicos. "Temos que ser proactivos, e por iso levaremos ás administracións unha batería de propostas para a reactivación económica dos nosos sectores produtivos, que estarán acompañadas de mobilizacións". Esta campaña será sostida no tempo para ligala tamén á elaboración dos próximos orzamentos do Estado e da Xunta, onde debería quedar reflectido calquera compromiso coa provincia.

Neste camiño, unha das primeiras demandas pasa por un cambio na política industrial que aposte polo peche dos ciclos produtivos, para xerar valor engadido e emprego, pondo especial atención nos sectores primarios "porque é o gran potencial que temos". Xunto a isto, Niño reclamou que se rematen "moitas das infraestruturas vitais para a provincia", un reforzo e mellora dos servizos públicos, máxime tendo en conta o avellentamento da poboación, así como melloras nas condicións salariais.

A este respecto "cómpre estarmos activos na negociación colectiva e na recuperación dos salarios, e neste momento o noso obxectivo é lograr as cláusulas de revisión salarial ligadas ao  IPC nos convenios provinciais". Unha reivindicación que se atopa de fronte coa negativa patronal "polo que temos que dar esta batalla".

Niño advertiu que o incremento da carestía da vida ten maior impacto na provincia, "xa que partimos dunha situación peor ao ter os salarios máis baixos e polas características diferenciais da nosa provincia, cun forte peso dos sectores primarios que sofren en maior medida este aumento dos prezos".

Xa hai máis habitantes maiores de 85 anos que menores 9 anos

Pola súa banda, Natividade López Gromaz encargouse de debullar os datos da análise socioeconómica que reflicte a situación do mercado laboral e a súa evolución dende o ano 2009, así como os efectos da crise derivada da pandemia. E como primeiro dato "demoledor" referiu que dende 2009 a provincia perdeu o 8,2% dos seus habitantes, cando en Galiza a perda está nunha media do 3,5%.

Esta caída amortece outros indicadores como a poboación parada e a taxa de paro, que é máis baixa en Lugo que a media galega, "pero que non se debe a un incremento da ocupación (que tamén baixou), senón á perda poboacional". Para visibilizar a magnitude da caída de habitantes e do avellentamento, Gromaz destacou que na provincia de Lugo xa hai máis habitantes maiores de 85 anos que menores 9 anos.

Xunto a isto, a economista apuntou que descende tanto a poboación activa como a inactiva, destacando o descenso da categoría "labores de casa". "Isto quere dicir que moitas mulleres tras da crise industrial e da construción de 2009, saíron ao mercado laboral para traer ingresos aos fogares".

Esta incorporación de mulleres supuxo que a poboación activa aumentara nese ano, pero a partir de aí comeza a caer de forma constante e cada vez está máis avellentada. A tal punto que hoxe o 40% da poboación da provincia ten máis de 40 anos, cando en 2009 supuña o 27%.

Sobre a evolución da poboación ocupada, indicou que cae unicamente entre os homes, o que atribuíu aos cambios estruturais que se dan no mercado de traballo: descenso na ocupación no sector primario, na industria e na construción e aumento no sector servizos, que pasou de ter unha ocupación do 59% en 2009 ao 70% actual.

O sector primario perdeu un terzo da ocupación

Neste punto, López chamou a atención sobre o forte declive do sector primario, que dende o ano 2009 perdeu un terzo da ocupación, destruíndo 11.000 empregos. "Son moi poucos anos para unha caída de tal magnitude, co agravante que supón as perdas de emprego neste sector, que na maioría dos casos son por peches de explotacións gandeiras, coas consecuencias económicas e sociais que conleva de abandono do rural, de peche de actividades relacionadas etc.".

Relacionado con isto, puxo a atención sobre o peche de oficinas bancarias. Apenas nos últimos 5 anos, e segundo datos do Banco de España, pecharon 91 oficinas na provincia, o que equivale a un descenso do 41,5%, deixando moitos concellos sen ningunha oficina bancaria.

No tocante á industria, alertou que a metade do emprego perdido neste sector dende o ano 2009 (uns 1300 empregos), destruíronse dende a pandemia e por razóns que nada teñen a ver coa emerxencia sanitaria. Sen ser unha provincia industrializada, o declive deste sector sitúase, porcentualmente, nos niveis dunha provincial máis industrial como Pontevedra.

Pola contra, dáse unha tendencia clara á terciarización, aínda que neste sector tamén se produciron grandes cambios no período analizado. Dende a pandemia descendeu a actividade en hostalaría e comercio pero medrou especialmente no transporte (persoal de reparto) e no sector dos coidados, o que á súa vez supón un cambio nas categorías profesionais, xa que cada vez hai máis persoal asalariado e hai menos persoal autónomo ou de axuda familiar.   

Precariedade laboral e pobreza

A raíz da pandemia aumentou a poboación asalariada, sobre todo no sector público en tarefas de coidados, pero tamén se incrementou a temporalidade -até o 25% e o 27% no sector público-, e as xornadas parciais. Este tipo de xornada, denunciou Natividade López, é eminentemente feminina, "non só preto do 20% traballan a xornada parcial senón que, do total das persoas con xornada parcial, o 77% son mulleres". A esta precariedade

Xunto á temporalidade e ás xornadas parciais, a escasa duración dos contratos temporais é outra das características que se están instalando no mundo laboral. No ano 2021, o 43% destes tiveron unha duración inferior aos 3 meses. Esta condicións laborais, alertou, teñen un reflexo directo, a curto prazo, nos ingresos e a longo prazo nas pensións.

De media, no ano 2020, os ingresos brutos anuais acadaron os 18.963€ na provincia de Lugo – en Galiza foron de 19.900€-, un 9,7% máis que no ano 2009. Pero neste mesmo período a inflación medida a través do IPC aumentou un 13%, o que constitúe unha perda importante de poder adquisitivo.

Pero se a comparación se fai con respecto ao SMI, preto do 20% da poboación, concretamente o 19,6%, tivo uns ingresos inferiores á metade do SMI, inferiores a 3.000€, concretamente para 22.829 persoas os seus ingresos brutos anuais foron, como máximo, de 2.957,00 euros. Pero ademais, preto do 40% das persoas asalariadas na provincia non acadan ingresos equivalentes ao SMI. "É dicir, tes traballo pero vives na absoluta miseria e estamos falando de que esta situación atinxe ao 40% da poboación de Lugo".

Estes baixos salarios teñen o seu reflexo nas pensións: o importe medio das pensións da provincia de Lugo no ano 2021 foi de 794,92€ mensuais, o segundo máis baixo de Galiza. E cunhas diferenzas moi grandes entre homes e mulleres, acadando xa a fenda das pensións ao 33,8%. Unhas diferenzas que irá en aumento a causa do incremento da precariedade.

Volver