A CIG continúa en Culleredo a campaña de mobilizacións contra os abusos laborais en Mercadona

A sección sindical denuncia a política de medo e represión que padece o persoal

Culleredo -

A sección sindical da CIG en Mecadona na provincia da Coruña continuou este luns coa campaña de mobilizacións en resposta á política de medo e represión que padecen as traballadoras e os traballadores. Despois das concentracións diante das tendas de Betanzos e da Avda. de Oza da Coruña, hoxe a protesta trasladouse ás portas do supermercado que a empresa ten no Outlet de Culleredo.

Con estas accións quérese denunciar a verdadeira realidade laboral de Mercadona pois "a imaxe de empresa modélica é algo que só existe no papel, porque a práctica é máis ben exemplo do que non debería ser unha empresa". Neste senso, a sección sindical denuncia que por mor desta política de medo, o persoal acaban normalizando comportamentos e actitudes do mandos que son intolerábeis nunha relacións laboral e derivan "en graves afeccións da súa saúde física e incluso mental".

Unha situación coa que ten a ver a carga de traballo excesiva que soporta o persoal, mais tamén coa "presión a nivel psicolóxico que co tempo deriva en consecuencias moitas veces até irreparábeis sobre a saúde das compañeira e compañeiros". Fronte a estas abusos, engade a sección sindical da CIG, "poñemos sobre a mesa a realidade dunha empresa con beneficios millonarios que non debería precisar levar o seu persoal ao límite, pero que na práctica faino sistematicamente, buscando xerar un clima de medo e indefensión insoportábel".

A este respecto, critican a complicidade de UGT e CCOO coa empresa, que afortalan e manteñen esta política patronal asinándolles un convenio "feito á medida dos intereses de Mercadona, cunha redacción que deixa o persoal practicamente indefeso e con puntos que atentan chamativamente contra a conciliación familiar ou o dereito á saúde" e que perpetúa mecanismo de chantaxe económica como a mal chamada prima de beneficios que, en base a valoracións subxectivas e inxustas, a empresa utiliza como castigo a quen se atreva a esixir os seus dereitos laborais.

Volver