A CIG considera moi grave a contratación dun detective para espiar as traballadoras da residencia de Sarria

Sarria -

A CIG considera de extrema gravidade as informacións trasladadas desde o Concello de Sarria a respecto de que o edil Benjamín Escontrela tivera contratado os servizos dun detective para espiar a traballadoras da residencia municipal Nosa Señora do Carme durante a situación de baixa laboral. Tal cuestión é ademais paradoxal tendo en contra que dito edil é médico de profesión.

A CIG de Lugo-A Mariña ten denunciado durante a presente lexislatura "a nefasta e neglixente xestión en conxunto da residencia e en particular da xestión de persoal desta, e entendemos que o cese de Benjamín Escontrela á fronte do centro residencial chega tarde". Neste senso, o secretario comarcal de Organización, Lois Neto, apunta que dita cesión obedeceu "a criterios de natureza política, posto que a xestión de Escontrela á fronte da residencia foi obxecto de continuas controversias durante a presente lexislatura".

Á xestión do mencionado concelleiro "foi nefasta, sendo a mesma sempre obxecto de novas conflitivas". En materia laboral, cómpre lembrar que durante o seu mandato se retirou o complemento de IT ás traballadoras e traballadores, decisión ilegal como así o ratificaría o TSXG, e incluso foi condenado por vulnerar o dereito de conciliación. A pesares destas decisión, "que o único que fixeron foi enrarecer as relación laborais na empresa e que lle custaron ao Concello asumir indemnización", o concelleiro non foi cesado do seu cargo até primeiros deste mes.

A CIG de Lugo-A Mariña fai chamamento ao Goberno local de Sarria para que actúe con todas as ferramentas contra Escontrela "pola súa nefasta e caprichosa xestión da residencia", entendo ademais que os feitos agora coñecidos son extremadamente graves e impropios da actuación dunha Administración Pública, e reclama que se esclarezan con “pelos e sinais” os feitos acaecidos.

Volver