A CIG confírmase como única forza nas eleccións de Sodexo e acada a totalidade do comité
A empresa xestiona o principal servizo de comedor do grupo Inditex
Arteixo -
Este xoves constituíuse o comité de Sodexo (empresa que presta o servizo de comedor na central de Inditex) formado integramente pola CIG. A central nacionalista foi a única que presentou candidatura nas eleccións sindicais celebradas o pasado 26 de setembro, obtendo así as nove delegadas e delegados que se escollían.
Este é o comedor máis grande de Inditex, con arredor de 150 persoas, e os seus traballadores e traballadoras foron quen lideraron as protestas e folgas convocadas a pasada primavera nas auxiliares do xigante téxtil para reivindicar condicións laborais e salariais dignas. Para a CIG-Servizos da Coruña, o resultado destas eleccións avala a acción sindical e o traballo realizado nesta empresa, cunha aposta clara pola mobilización e a folga para conquistar dereitos.
Precisamente esta estratexia de loita e confronto a Inditex foi a que permitiu lograr substanciais melloras nos salarios e nas condicións sociais deste persoal, que os sitúa moi por enriba do convenio marco estatal negociado en Madrid polos sindicatos españois.
O aval de CCOO e UGT a este convenio estatal da restauración colectiva provocou que os traballadores e traballadoras destes servizos de comedor deixaran de estar regulados polos convenios provinciais de hostalaría e pasaran a rexerse por ese novo marco, de condicións aínda máis baixas.
A firme disposición do persoal de Sodexo a defender un traballo digno e a súa aposta por un modelo sindical combativo permitiu non só frear esta precarización, senón acadar un acordo que contempla importantes melloras. Por iso, a CIG agradece a confianza depositada polo persoal e reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos e na loita por seguir avanzando na mellora das condicións de traballo.

