A CIG cifra entre un 70 e un 80% a participación na folga indefinida dos SAF

Malia os servizos mínimos do 100% decretados, as traballadoras buscan a forma de secundala

Nacional -

A CIG-Servizos vén de cifrar a participación na primeira xornada de folga indefinida nos SAF, entre un 70 e un 80%. Transi Fernández, secretaria nacional, salienta a implicación das traballadoras, que malia ter decretados uns servizos mínimos do 100% na maioría dos concellos, buscan a forma de secundala unha vez feitos os labores esenciais.

Fernández sinala, porén, casos como o do concello de Vigo, que anunciou servizos mínimos sen poñer a porcentaxe nin das auxiliares, nin das coordinadoras que ten que haber, ou o concello de Cambre, na comarca da Coruña, que nin sequera os decretou. Neste último municipio hai que engadir, ademais, que a empresa que xestiona o servizo remitiu cartas ás traballadoras ameazándoas con tomar medidas se non acudían ao posto de traballo.

A este respecto explica que no caso do concello de Vigo, ao non se especificar quen está de servizos mínimos, hai unha grande preocupación entre as traballadoras ás que “a empresa estalles dicindo que se queren ir á folga, que vaian, e teñen medo de secundala e que ninguén se faga cargo das persoas que dependen da súa atención se ninguén vai cubrir ese servizo”. Fernández teme que a propia empresa queira que “isto sexa un caos” e adianta que van tratar de negociar coa concesionaria para que se defina claramente a situación para que as traballadoras saiban a que aterse.

En todo caso, a secretaria nacional de CIG-Servizos salienta que, en xeral, as traballadoras en servizos mínimos están cubrindo os servizos e atención esenciais para logo poder participar, xunto coas súas compañeiras, nas innumerábeis concentracións que se desenvolveron en cidades e vilas ao longo da xeografía galega.

Servizo público esencial

Subliña que esta folga non se estaría producindo “se tiveramos un servizo totalmente público xestionado pola Xunta de Galiza que garantira condicións salariais e laborais dignas e en igualdade de condicións para todas as traballadoras dos SAF”.

Neste sentido reitera o rexeitamento da CIG e das traballadoras á dobre escala salarial pactada no preacordo asinado por CCOO e UGT, que implica condicións salariais diferentes en función do concello onde desenvolvan o seu traballo.

Dobre escala salarial

Lembra que ás traballadoras dun concello no que non se vai sacar o novo concurso até dentro de dous anos, se lles apliquen incrementos salariais do 1% en 2023 e doutro 1% en 2024, mentres que as traballadoras do concello do lado, onde liciten este ano, van ter incrementos do 3,15% en 2023 e do 3,15% en 2024. “Unha terá en dous anos unha suba do 2% e a outra dun 6,30%”, explica.

Comarca da Coruña:

  • 3 e 4 de novembro, ás 9.30h no Concello da Coruña
  • 3 de novembro, ás 11h no Concello de Carballo
  • 3 e 4 de novembro, ás 12h no Concello de Cambre

 Comarca de Ferrol:

  • 3 de novembro, ás 12.30h no Concello de Miño
  • 4 de novembro, ás 12.30h no Concello de Fene

Comarca de Santiago:

  • 3 de novembro, ás11h no Concello de Teo
  • 4 de novembro, ás 11h no Concello de Ames

Comarca de Lugo:

  • 3 de novembro, ás 14h no Concello de Monforte
  • 4 de novembro, ás 14h no Concello de Vilalba

 Comarca de Pontevedra :

  • 3 de novembro, ás 14.30h no Concello de Cuntis

Comarca de Vigo:

  • 3 e 4 de novembro, entre as 11e as 13h
  •  Concello de Vigo
  •  Concello de Redondela
  •  Concello do Porriño
  •  Concello de Pazos Borbén
  •  Concello de Moaña
  •  Concello de Ponteareas
  •  Concello de Mos

 Comarca de Ourense:

  • 3 de novembro, ás 11.30h no Concello de Ourense
  • 3 de novembro, ás 13.30h no Concello do Carballiño

Volver